En portadaÚltima horaVídeos

“José Antonio Gurriarán marcou unha época e mostrou unha maneira moi heroica de defender unhas conviccións”

Carlos Santos, sobriño do xornalista barquense, destacaba a súa talla humana e profesional na homenaxe que lle tributaba este sábado o Concello do Barco

 

Mentres soaba a gaita galega, Rosario e Laura, fillas de José Antonio Gurriarán descubrían na mañá deste 9 de abril a escultura que, a partir de agora, lembrará a este xornalista e escritor barquense, á beira do río Cigüeño, no Malecón do Barco, un lugar moi especial para el. Así o destacaba o seu sobriño, o tamén xornalista Carlos Santos Gurriarán, nun acto de homenaxe promovido polo Concello do Barco e que se iniciaba coa intervención da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

A edil lembraba que a escultura adicada Gurriarán foi unha encarga que se lle fixo xa en outubro de 2019 ao artista barquense Xelo de Tremiñá co fin de tributarlle esta homenaxe, que se viu demorada pola pandemia. “Felizmento hoxe estamos aquí para poder facelo”, dicía. Deseguido lía un texto de José Antonio Gurriarán sobre a súa terra natal, publicado no 2003 en setembro no Periódico O SIL, do que foi colaborador. “Por extensión a miña paisaxe é Valdeorras, por nacenza, o vello e o novo Barco, por saudade a rúa da Tafona e a rúa Nova, por sensibilidade, as montañas e o río”. Pizcueta destaba que este xornalista “levaba gravado no seu corazón o seu ser galego e valdeorrés”.

A continuación, en nome da familia, tomaba a palabra Carlos Santos facía unha persoal e emotiva semblanza do homenaxeado, cargada de lembranzas familiares, pero tamén profesionais. E comezaba por unha data que foi a máis importante da súa vida, “ese 29 de decembro de 1980, no que ía ao cine en Madrid a ver unha película de Woody Allen, foi a deixar o coche nun parking da praza de España e cando se encamiñou cara o cine topouse cun tumulto de xente que lle dixo que puxeran unha bomba. El era periodista dunha raza que xa non existe. O primeiro que fixo foi buscar unha cabina telefónica para chamar ao periódico e avisar de que había unha noticia: un atentando terrorista. El era entón subdirector do periódico Pueblo, onde comezara como reporteiro, foi redactor xefe e chegaría ser director”.

Naquela cabina telefónica había outra bomba que “explotou” naquel instante con el dentro, engadía Santos. “E destrozoulle parte do seu corpo, pero non lle destrozou para nada a súa vida. Aquel día comezou outra vida e aquela foi unha proba como xornalista e como persoas que poucas persoas poden superar neste mundo”. E resaltaba que “demostrou ser un xornalista descomunal. Tras superar a parte máis crítica dos danos que lle causou aquela bomba o primeiro que fixo ir aos montes do Líbano onde se agochaban os cabecillas dos terroristas que puxeran aquela bomba para preguntarlles por que e para entregarlles un libro de Gandhi ou de Martin Luther King para falarlles da paz, da necesidade de concordia e de defender os seus ideais por un procedemento que no fose matar a inocentes. E fíxoo. E como persoa demostrou ademais, a parte dun arroxo incrible, unhas conviccións moi sólidas no diálogo, na palabra e na busca da igualdade por métodos democráticos e iso foi o que se dedicou a predicar dende entón. El marcou unha época e ademais mostrou unha maneira moi heroica de defender unhas conviccións”.

 

 

Santos incidía en que José Antonio Gurriarán era “un amante da terra en xeral e da súa terra en particular” e concluía dicindo que a escultura que o homenaxea dende hoxe “é unha homenaxe á palabra, á concordia, ao afán de liberdade, á loita pola igualdade dende a democracia, a todos eses valores que el defendeu con ahínco todos os días da súa vida, coa súa enerxía vital enorme, coa súa alegría de vivir”.

O acto pechábase coa intervención do tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e co son da gaita (interpretada por Mauro Docampo), mentres dúas das fillas do escritor, Rosario e Laura, descubrían a escultura.

Fotos: A.R.

 

 

 

O artista Xelo de Tremiñá, xunto a escultura realizada por e dedicada a José Antonio Gurriarán.

Artigos relacionados

Back to top button