Aproveitando o remate das obras de reforma á que foi sometido o estadio ‘El Toralín’ para a celebración do centenario da SD Ponferradina, o club berciano organizaba na mañá deste xoves 6 de outubro, unha xornada de portas abertas (con almorzo e xantar incluídos) para presentar aos medios de comunicación, entre eles o Periódico O Sil, as novas instalacións así como os novos proxectos.
As obras comezaban xa na pasada tempada e afectan a boa parte do estadio, dende a iluminación ata os vestiarios, unha das xoias da coroa trala reforma, que contan con todo tipo de comodidades para os xogadores así como con sauna, baño frío e jacuzzi, e que comunica coa sala de fisioterapia e a utillería, creando todo un labirinto de pasillos que comunican toda a instalación decorada en tons branco e azul. Outro dos puntos destacados da renovación é a mellora dos palcos xa existentes e a construción dun en cada esquina, con todo luxo de detalles, que ofrece ao afeccionado unha experiencia única, entre outros espazos de referencia como a ‘Sala Experiencias’ para ver aos xogadores entrar e saír do campo.

De cara ao futuro e tal como explicou o presidente do club José Fernández Nieto, no cargo desde o ano 2000, quedan tres proxectos por levar a cabo: crecer cara arriba, mellorando a bancada de Tribuna; aumentar as instalacións deportivas da base con máis campos de herba nantural e artificial; e facer realidade a residencia de xogadores, “necesidades básicas que de momento non se puderon levar a cabo por falta de cartos”, dixo Fernández Nieto na rolda de prensa posterior á visita guiada.

Durante a súa intervención o presidente da Ponferradina tamén fixo alusión ao crecente número de afeccionados valdeorreses cos que contan. “Por motivos laborais vou moito por Valdeorras onde me sinto como na casa, e para un presidente como eu que represento a un club humilde como este, é un orgullo que xente desa comarca nos visite os domingos para ver os partidos”, dixo, destacando a boa relación que manteñen co CD Barco, co que cada pretempada disputan algún amigable. “Hai moito intercambio e desexámoslle o mellor porque o están facendo fastasticamente ben, a un paso de subir. É algo moi difícil pero hai que darlles a noraboa polo traballo que fan”, concluía.

Con respecto ao novo proxecto que a Ponferradina poñía en marcha esta tempada, o club de empresas Rede Deportiva, nace coa idea de “crear contactos empresariais e conseguir oportunidades únicas de negocio así como acceder a servizos exclusivos, a través da suma de todos os recursos dos asociados máis todo o músculo puro da área Business e Tecnolóxico da Deportiva”, explican dende o club. Así, mediante unha plataforma privada, as empresas asociadas poderán comunicarse entre elas para ofrecer os seus servizos e ademais contarán coa posibilidade de dirixirse dunha maneira áxil aos afeccionados da Ponferradina. Tamén se activarán eventos no interior do estadio fóra dos días de partido, aproveitando as novas instalacións que ademais permiten ás empresas poder dispoñer delas para reunións corporativas, cursos de formación, etc.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto a última da galería que é cedida.