Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

José Vicente Solarat: “Temos que reclamar un PAC e unha unidade de xeriatría para A Rúa”

O candidato á alcaldía do R.U.A. presentaba as principais liñas do seu programa nun mitin celebrado na zona do San Roque

 

Nun singular tren chegaban os membros da candidatura do R.U.A. (Rueses Unidos Adiante) ao mitin que celebraban na tarde deste martes 23 de maio na terraza do Bar San Roque, na vila ruesa. “Por que subir ao tren do RUA?”, preguntaba o cabeza de lista desta formación, José Vicente Solarat, ao inicio da súa intervención, “porque o tren para nós vai ser moi importante no desenvolvemento dos próximos meses, porque o necesitamos. Ese tren que non é nada máis que o símbolo do que queremos conseguir, temos unha estación sen tren pois temos que lograr que repoñan ese servizo”, aseguraba.

“Son bisneto, neto e fillo de ferroviario”, dicía Solarat, “nacín na estación de ferrocarril, eu sei que a estación non vai volver ser, iso é imposible, pero se na pandemia nos quitaron dúas frecuencias de tren que nos comunican con Ourense e co Barco, téñenas que repoñer porque Adif está cobrando por ese servizo e non o presta, e hai que axustar os horarios para que se ti tes unha cita no hospital de Ourense coincida coa chegada do tren e para volver despois, son necesidades ineludibles para calquera goberno”.

O cabeza de lista do R.U.A. tamén se refería a unha serie de problemáticas que se deben afrontar na Rúa. Unha delas en materia de sanidade. “Temos que reclamar un PAC para que poidamos ter unha farmacia con atención continuada as 24 horas, e tamén unha unidade de xeriatría, iso creo que é moi fácil de conseguir, só é pedirllo aos que gobernan. Se vas cunha proposta razonable podes esixir e acábancho dando”.

 

 

E, entre as máis inmediatas, pola cercanía do verán mencionaba: o abastecemento de auga “para que chegue e a un prezo razonable”, o concurso das piscinas ” para que haxa alguén que as colla e as arranxe, e a día de hoxe non temos adxudicatario, co cal vai ter un problema calquera que entre porque o 19 de xuño como alcalde porque xa non vai a dar tempo”. E, finalmente, as Festas de verán posto que “hai que reservalas con moita antelación”.

Solarat tamén incidía na importancia de apostar polo turismo, coa posta en valor do Aguillón, e por impulsar o sector vitivinícola. “A Rúa ten o 47% das adegas da D.O. Valdeorras e debemos seguir apoiando a ese sector porque non só a cepa dá as uvas, é que o viticultor danos a paisaxe que temos. Falamos dun sector en crecemento importante, e hoxe hai moito rapaz novo incorporado á viticultura, estase revalorizando o campo. Queremos impulsar o sector, recuperar a zona das Pinguelas non só para pasear, senón para facer determinados encontros para que a xente acuda, probe os viños e os nosos produtos, ir facendo país arredor do viño que sempre é celebración, nós vivimos dun sector servizos moi importante”.

 

 

E, ao mesmo tempo, destacaba a necesidade de apoiar ás empresas da Rúa, “contamos con 334 empresas, pequenas, medianas e grandes, temos que darlles facilidades”, dicía o candidato do R.U.A. E iso sen esquecer o respaldo ás asociacións culturais e deportivas do municipio, “o importante dunha sociedade e moverse a partir dos que se agrupan”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button