ConcellosLaroucoÚltima hora

Larouco promove un polígono agrario centrado na produción de cereixa

O terreo onde se desenvolverá era visitado polo conselleiro do Medio Rural, que tamén coñecía a iniciativa para acondicionar as antigas escolas do municipio para convertelas en vivendas

 

No marco da visita que o conselleiro do Medio Rural, José González, realizaba esta mañá a Valdeorras para dar a coñecer o traballo que desenvolve o Grupo de Desenvolvemento Rural desta comarca, achegábase arredor das 16:30h. ata Larouco, onde estivo acompañado pola súa alcaldesa, Patricia Lamela; polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e pola directora xeral do Agader, Inés Santé, entre outras autoridades.

Entre os proxectos que visitará destaca o acondicionamento das antigas escolas do municipio para reconvertelas en vivendas. Este proxecto contou cun investimento de arredor de 37.000 euros, sendo o seu obxectivo principal a fixación de poboación no rural a través da dotación de infraestruturas tan básicas como é a vivenda.

 

 

Doutra banda, cabe tamén resaltar outras iniciativas como a recuperación de dúas adegas tradicionais cun enfoque turístico, que contaron cunha achega de case 99.000 euros, para potenciar o enoturismo na zona. Precisamente este tipo de proxectos encaixa coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia posta en marcha pola Xunta, na que se suman sinerxías para reforzar os vínculos entre o territorio, a paisaxe, o turismo e a propia cultura vitivinícola.

Por último, os representantes do Goberno galego tamén coñecían uns terreos nos que está previsto desenvolver un proxecto de polígono agrario centrado na produción de cereixa autóctona, un froito coñecido popularmente na bisbarra como cereixa “da alforxa”. O obxectivo deste proxecto é impulsar este cultivo e potenciar esta variedade propia.

 

 

“Esta é unha variedade auctóctona de aquí e xogando co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e o banco de recursos fitoxenéticos, imos tratar de recuperar esas variedades autóctonas cos instrumentos que nos permite a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia: polígonos agrogandeiros, agrupacións de xestión conxunta ou aldeas modelo. A idea é que en zonas dunha extraordinaria capacidade agronómica como é toda esta comarca, Larouco en particular, ser capaces de evitar o abandono porque, ao mesmo tempo que acadamos o obxectivo de que haxa actividade agrogandeira rendible, estamos loitando contra os incendios forestais e recuperando a terra con valor engadido para que poida haber moita máis xente que logo poida arrendar casas como esta que se rehabilitou e que vimos hoxe de visitar”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button