ConcellosLaroucoÚltima hora

Larouco súmase ao programa “Xantar na Casa”

Este servizo permite achegar menús semanais saudables e equilibrados aos fogares de maiores que viven sos, de persoas dependentes ou con poucos recursos

 

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, reuníase este 6 de febreiro coa alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, para abordar a mellora da atención aos maiores do concello. Neste sentido, o encontro serviu para avanzar na implantación do programa Xantar na Casa neste municipio, unha vez que xa se firmou esta semana o convenio de adhesión a esta iniciativa da Xunta de Galicia, que permite levar un menú semanal aos domicilios das persoas beneficiarias.

O acordo fixa que inicialmente ata dez persoas poderán beneficiarse do Xantar na Casa, unha cifra que se poderá ampliar cando sexa necesario e así o estimen os servizos sociais do Concello. Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo deste “é garantir que calquera maior que viva só, persoa dependente ou que está en risco de exclusión social, reciba na súa vivenda unha comida san e adaptada ás súas necesidades”.

A comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Ao usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas.

Son os servizos sociais do Concello os que se ocupan de seleccionar ás persoas beneficiarias. A Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.

Artigos relacionados

Back to top button