O Castelo de Pambre, na localidade luguesa de Palas de Rei, acollía esta mañá a presentación do Proxecto Lugares, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e pola Fundación “La Caixa” coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público dun dos itinerarios máis transitados no mundo: o Camiño de Santiago. O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo tanto polo seu debate central como polas súas solucións paisaxísticas e arquitectónicas para o territorio, e que terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas, levarase a cabo nas comarcas de Ulloa e Valdeorras esta primavera.
A presentación desta mañá contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira; da responsable territorial da Fundación “La Caixa”, Susan Santos; e da comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro. No acto déronse a coñecer os principais eixes de traballo da iniciativa así como a programación pública de eventos. É o caso do seminario que reunirá no Castelo de Pambre os días 18 e 19 de abril a figuras recoñecidas de ámbito galego e estatal, como as arquitectas Ana Amado, Izaskun Chinchilla, Maé Durant, María Fandiño -Premio Nacional 2022-, Carlos Pita ou Carlos Seoane, entre outras; as artesás Verónica Moar, Julia de la Cal, Inés Rir e Santiago Besteiro; as deseñadoras Amalia Puga e Uqui Permui ou as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis. Tamén participarán persoas expertas vinculadas ao mundo da paisaxe, como Amparo Maroño, Paola Sangalli e Pedro Calaza, ou investigadoras do espazo rural, coma a artista Estella Julian, ou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Unha vez finalicen estas xornadas, a localidade ourensá de Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público. Durante estes días realizaranse visitas e paseos polo territorio para identificar os lugares sobre os que as e os asistentes traballarán de forma colaborativa.
Unha mirada transdisciplinar sobre o Camiño de Santiago
O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar que agroma no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño.
O segundo dos procesos é a celebración dun seminario ou xornadas públicas de debate que terán lugar os días 18 e 19 de abril no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, xunto ao Camiño Primitivo. Neste espazo de encontro, numerosas profesionais vinculadas á arquitectura da paisaxe, comunicación, deseño, artesanía e pensamento porán sobre a mesa experiencias de intervencións sostibles; abordarán cuestións como a hospitalidade ou o deseño de lugares contemporáneos no Camiño; as posibilidades de transformación do territorio a través da ruta xacobea, así como o coidado e a beleza na mesma; exemplos de boas prácticas de arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía; ou como pensar a paisaxe desde unha perspectiva sostible e contemporánea, entre outros aspectos.
De seguido, os días 20, 21 e 22 de abril, o Proxecto Lugares trasladará a súa acción a un obradoiro que se desenvolverá nas covas de Seadur, na localidade ourensá de Laurouco, moi próxima ao Camiño de Inverno. Será un taller de tres días, aberto á comunidade e axentes locais, no que se tentará transmitir técnicas e coñecementos da arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía, á vez que se imaxina e deseña, de forma colaborativa -tendo presentes as conclusións do seminario-, unha maqueta ou prototipo dunha posible peza ou intervención no espazo público.
Finalmente, todas as conclusións, fotografías e vídeos do traballo feito ao longo destes meses no marco do Proxecto Lugares, así como textos das persoas profesionais convidadas -ou mesmo a recompilación de testemuñas durante o seminario-, estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán.