ConcellosÚltima hora

Ledicia Sola, Sergio Pazos e David Amor actuarán o 3 de abril no Centro Cultural Avenida da Rúa

O espectáculo de humor #COMICAMENTE enmárcase nesta edición da "Ourense ICC Week"

 

David Amor, Ledicia Sola e Sergio Pazos.

 

O humor de tres grandes cómicos e actores galegos chegará á Rúa, da man da Semana das Industrias Culturais e Creativas, co espectáculo #COMICAMENTE, que se suma á programación da Ourense ICC Week, levando tamén as súas actividades culturais e de lecer a localidades da provincia.

Sergio Pazos, David Amor e Ledicia Sola son os protagonistas desta cita co humor. Os tres reúnense neste espectáculo creado por Etiqueta Negra Producciones para a ICC Week e xuntos trasladarannos aos tempos do apoxeo dos monólogos, ao máis puro estilo da stand up comedy. Para os fans deste tipo de espectáculos é unha cita imprescindible, xa que condensa o mellor dos seus tres protagonistas. Terá lugar o vindeiro 3 de abril no Centro Cultural Avenida, da Rúa, ás 21 horas. As entradas xa están á venda en Ataquilla, e tamén no centro cultural desta localidade.

Sergio Pazos é un actor, humorista e reporteiro nacido en Ourense en 1965. Participou en varias series televisivas ata converterse nun dos reporteiros do Caiga quien caiga. No seu currículo hai infinidade de obras de teatro; en cine, destacan os seus papeis en Hot milk (Dir. Ricardo Bofill, 2003), El lápiz del carpintero (Dir. Antón Reixa 2003), Lisístrata (Dir. Francesc Bellmunt 2002) e Muertos de risa (Dir. Alex de la Iglesia 1999); e en canto a ficción televisiva, o seu personaxe máis memorable é o de Pepe en Cuéntame cómo pasó (TVE, 2009-2015).

A historia de David Amor comeza en 2001 no programa da TVG O Rei da comedia e máis tarde participa noutros proxectos da canle. Pouco despois é seleccionado no Club do Chiste, en Antena 3, ata chegar a Globomedia e tempo despois a El Club de la Comedia. Nos últimos anos encamiñou a súa carreira cara á ficción en televisión participando nas series Gym Tony en Cuatro e Aquí Paz y después gloria.

E Ledicia Sola é neste momento un dos rostros máis coñecidos na televisión polo seu papel de “Elisa” na serie de Telecinco Vivir sin permiso xunto a José Coronado e Álex González. A serie, que bateu récord de audiencia durante a súa primeira tempada, continúa cultivando un enorme éxito de público e está dispoñible na plataforma Netflix. É tamén coñecida polo gran público grazas a películas como El patio de mi cárcel de Belén Macías, Contou Rosalia de Zaza Ceballos, Hotel Tivoli de Antón Reixa, Anos Despois de Laura Gardós Velo ou series de TV como Gran Reserva, Amar es para siempre e Seis Hermanas, sen esquecer Pazo de familia, Os Atlánticos Rías Baixas, O Nordés e Serramoura.

Artigos relacionados

Back to top button