
O Subcomité Clínico de expertos que fai seguimento á evolución do Covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño, e manter baixo vixilancia o municipio da Rúa e o de Vilalba. Anunciábao o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia tras a reunión do Consello da Xunta
Así, tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais. Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.

Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2. Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.
As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.
Unha vez máis, a Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia e solicitando a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.