En portadaÚltima horaVídeos

Licitadas as obras do novo centro de saúde da Rúa que poderían iniciarse neste outono

As empresas interesadas en executar a obra contan cun prazo de presentación de ofertas que remata o 29 de xullo, e teñen un prazo aproximado de finalización de 18 meses

 

Despois de vinte anos de espera a Xunta licitou hoxe por preto de 2,9 millóns de euros as obras do novo centro de saúde da Rúa,  cuxas obras comezarán previsiblemente antes de finais deste 2024. Así o adiantaba a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue quen, acompañada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentaba  na mañá deste mércores 3 de xullo, o proxecto de construción do novo centro de saúde do municipio. Neste acto tamén participaron a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e a delegada especial para Valdeorras da Deputación, María Carmen González Quintela.

 

 

Martínez Allegue deu conta do primeiro paso para a materialización dunha actuación “que situará ao municipio á vangarda da atención sanitaria”, coa licitación hoxe do que será este novo centro de Atención Primaria que contará cunha superficie que superará os 1.300 m2, e acollerá as consultas, salas e espazos requiridos pola Consellería de Sanidade para cumprir co plan funcional elaborado para dar o mellor servizo sanitario aos rueses.

 

 

Pola súa banda, Gómez Caamaño, fixo fincapé na repercusión para a veciñanza xa que “este centro duplicará a superficie do actual, mellorará en accesibilidade e, o que é máis importante, incorporará servizos como a consulta de enfermería pediátrica, a sala de educación sanitaria e o programa da muller”.

Incidiu en que o novo centro estará deseñado para cubrir todas as necesidades da poboación, con áreas específicas para adultos, pediatría e a atención á muller. O novo equipamento inclúe 3 consultas de medicina xeral, unha sala polivalente, 3 consultas de enfermería, unha sala de técnicas, consulta pediátrica, unha sala de lactancia e consulta de enfermería pediátrica, ademais de espazos dedicados á saúde da muller e á educación para a saúde.

 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, na Rúa.

 

As empresas interesadas en executar a obra contan cun prazo de presentación de ofertas que remata o 29 de xullo, e teñen un prazo aproximado de finalización de 18 meses. Martínez Allegue avanzou a previsión da Xunta de poder iniciar as obras neste outono, esperando velo rematado o antes posible para que os veciños e veciñas, e por suposto, todos os profesionais do Sergas, poidan facer uso del.

 

 

Tal e como indicou a conselleira, a execución desta infraestrutura sanitaria xurde da colaboración coa Consellería de Sanidade, o Concello da Rúa e a Deputación de Ourense, sendo para o departamento que dirixe “un orgullo poñer a nosa experiencia en xestión de obras públicas, co obxectivo de garantir a mellor atención sanitaria posible aos cidadáns”.

 

 

Martínez Allegue destacou na concepción construtiva e de instalacións do edificio, de dúas plantas, a luz natural como elemento clave, “aportando ademais de aforro enerxético, un ambiente que invita á calma”, remarcou.

Puxo o acento nos elementos que definirán este novo centro de saúde, como a luz, os acabados axardinados, as soleiras elevadas, que ademais contará con paneis fotovoltaicos e un sistema de compartimentación que permitirá o axeitado tratamento do aire no interior do edificio. “Non podemos esquecer que as altas temperaturas nesta zona no verán”, lembrou a conselleira. Tamén destacou o acceso ao recinto, que se fará desde unha zona exterior cuberta cun cortaventos xeneroso e a través dun amplo vestíbulo inmediato á zona de recepción.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Rúa lembrou a todos os rexedores, varios presentes, que loitaron por esta obra tan demandada como necesaria.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button