CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Licítase o proxecto de mellora e sinalización do Camiño de Inverno con 1,7 millóns de euros

A intervención desenvolverase en máis de 200 km, entre os municipios de Rubiá e Lalín, onde o Camiño de Inverno se une coa Vía da Prata para continuar a peregrinación ata Santiago

Peregrinos estranxeiros realizando o Camiño de Inverno ao seu paso polo Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Vén de iniciarse o proceso de licitación do proxecto de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno, que atravesa a comarca de Valdeorras e que está considerada como unha das rutas xacobeas con maior potencial.

Trátase dunha actuación dotada con 1,7 millóns de euros repartidos ao longo de 14 concellos de tres provincias, entre as comarcas de Valdeorras, Ribeira Sacra e Deza. En concreto, a intervención desenvolverase entre os municipios de Rubiá e Lalín, onde o Camiño de Inverno se une coa Vía da Prata para continuar a peregrinación ata Santiago de Compostela.

“O obxectivo desta actuación, que se estenderá por preto de 200 quilómetros de trazado xacobeo, é mellorar e unificar a sinalización, así como acondicionar os treitos que se atopen en mal estado mantendo a coherencia coas obras que xa foron realizadas en diferentes tramos do Camiño en Galicia. Neste sentido, retiraranse os fitos que estean deteriorados e non sexa posible recuperar e repararase aqueles nos que os danos sexan menores”, tal e como indica a Consellería de Cultura.

 Ademais, a través desta actuación unificarase a sinalización dos fitos en bo estado colocando cunchas, placas de quilometraxe ou tallando frechas. Cando sexa necesario, instalaranse novas mouteiras que serán de granito salvo nos concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e A Rúa, “que serán de lousa, algo excepcional e que supón un guiño á unha materia prima esencial na comarca. Cómpre destacar que naqueles puntos onde a visibilidade das placas cerámicas en parede se vexa comprometida, instalaranse sinais verticais”, matiza a consellería.

As cifras do proxecto

Está prevista a retirada de preto de 30 mouteiras en mal estado e substituíranse 7 placas de cerámica. Ademais, haberá máis de 110 fitos que serán reparados, limpados e recolocados no trazado xacobeo e outros 151 que se instalarán novos. Os traballos de sinalización completaranse con 130 cunchas de cerámica e 13 de bronce e coa retirada de 22 sinais que non compren coa normativa da Xunta.

“Galicia conta cunha ampla experiencia nos últimos 25 anos na preservación, xestión, e sinalización oficial do Camiño de Santiago, unha competencia propia do goberno galego. De feito, todas as actuacións realizadas responden ás consideracións recollidas no Manual de sinalización turística de Galicia aprobado en 2012, unhas directrices que posteriormente foron asumidas polo Consejo Jacobeo a nivel nacional e que mesmo Portugal asumiu como propias para favorecer a sinalización dos Camiños que discorren polo país luso”, conclúe Cultura.

Artigos relacionados

Back to top button