En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Licores valdeorreses para desfrutar neste Nadal

Barbudos Sociedade Cooperativa Galega, con sede en Vilamartín, é a primeira fábrica de licores da provincia de Ourense creada a través dunha cooperativa. Xa ten no mercado catro licores diferentes

Buscando recuperar a parte máis artesanal, xenuína e tradicional na elaboración de licores, e uníndoa coa innovación, cobraba vida hai apenas uns meses Barbudos Sociedade Cooperativa Galega en Vilamartín. Trátase dunha fábrica de licores promovida por tres mozos valdeorreses: Antonio Dobao, Carlos Fernández e Saúl García. “A idea vén un pouco de lonxe, sempre nos gustou o tema dos licores e faciámolos na casa para nós e para os amigos. Hai un par de anos decidimos dar un paso máis e convertir esta afección nun proxecto, nun negocio para poder vivir del. Ademais cremos que é un produto con moita aceptación e que, ao apostar por unha elaboración artesanal e de calidade, pode ter futuro. E tiramos por aí”, contan.

Á hora de poñer en marcha esta iniciativa emprendedora optaron por converterse nunha cooperativa. “Eliximos esta fórmula porque vai moito máis coa nosa forma de ser e de pensar, aínda que unha cooperativa resulta moito máis complicada de montar xa que o proceso leva máis trámites e tempo”, indican. Nestes momentos Barbudos é a única cooperativa da provincia de Ourense que elabora licores.

Comezaba a funcionar a mediados de agosto deste ano e presentábase como tal na Baco Festa da Rúa cunha exitosa resposta. “Os nosos licores gustaron moito e nosa idea é continuar asistindo a eventos dese tipo ou a festivais para dalos a coñecer”, din os responsables de Barbudos. Miman o proceso de elaboración dos seus licores e a calidade das materias primas que empregan. “Mercamos a augardente e deixamos macerar os licores máis dun mes, é un produto que vai con calma, con repouso para que se consiga ben o sabor que queremos. Buscamos un produto de calidade, que a xente poida desfrutar. Por exemplo, un licor café co sabor do que se facía antes nas casas”.

 

Agora elaboran catro propostas diferentes: licor de herbas, un licor café normal e outro picante e un licor de limón. Nos dous primeiros inspiráronse en receitas tradicionais, mentres que o picante e o de limón son propostas novas e propias. Cada un deles posúe unhas características diferentes e están pensados para diversos perfís de consumidores. “O licor de limón é o máis suave que temos, cunha graduación dun 15%, resulta moi dixestivo e cremos que vai ben para a xente que non tira tanto cara os alcohois fortes. O de herbas é unha receita propia, pero dun carácter máis tradicional, e xa acada unha graduación do 29%. Logo o licor café igual abarca un público máis amplo. E a novidade é o licor café picante, que é unha receita completamente distinta e que está tendo moito éxito entre a xente máis nova e nos bares”, destacan os representantes desta cooperativa.

Están comercializando o seu produto en establecementos de hostalaría de Valdeorras, do Bierzo e Santiago, ademais de estar en tendas gourmet valdeorresas e de Ourense. Contan que estánmoi contentos da acollida dos seus licores e xa pensan na posibilidade da venda online e en novos produtos como o licor de laranxa e o de chocolate. E, quizais máis adiante, nunha crema.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información no Facebook e Instragram: Barbudoscoop

Artigos relacionados

Back to top button