Un local de propiedade municipal en Prada (A Veiga) será rehabilitado e adaptado para o uso como industria apícola. Deste xeito o Concello da Veiga pretende dotar aos apicultores do municipio “da industria necesaria para a transformación final e a comercialización baixo un selo de calidade diferenciada”, segundo o seu alcalde, Juan Anta, quen matiza que esta iniciativa persegue tres obxectivos: “xerar emprego local, crear unha marca diferenciada e obter maior beneficio económico e rendabilidade do produto”.
O proxecto denóminase “Creación e Posta en funcionamento dunha industria de extracción e envasado de mel e os seus derivados no Lugar de Prada, Concello da Veiga” e deberá estar rematado antes de final de ano. A actuación está cofinanciado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello da Veiga.
Neste senso a conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Veiga, Juan Anta, asinaban o 7 de novembro un convenio de colaboración para a posta en marcha deste proxecto. A través deste acordo, a Consellería achegará 60.000 euros para acondicionar a planta baixa da residencia do antigo poboado de Prada. O orzamento total das obras ascende a 135.416 euros e o proxecto inclúe toda a maquinaria e infraestrutura necesaria para a extracción e envasado de mel. O resto da contía será facilitada polo Concello, que será o responsable de manter as instalacións unha vez rematadas.