ConcellosO BarcoÚltima hora

“Logrouse protexer Santigoso, agora estase a traballar en Santa Mariña, pero o lume continúa activo”

O tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, explica como está arestora a situación no incendio forestal que afecta a este municipio

Publicidade

 

Mantense a preocupación pola evolución que poida seguir o incendio forestal que a primeira hora da tarde de onte entraba, dende Carballeda de Valdeorras, no municipio do Barco deixando numerosos pobos desaloxados e cercando tamén Viloira, tan só separada da capitalidade municipal polo río Sil.

“A noite foi moi, moi longa, a Unidade Militar de Emerxencias fixo un labor moi importante en Santigoso, que o protexérono totalmente, agora andan traballando na zona de Santa Mariña tamén, que eran as zonas que máis preocupaban”, tal e como vén de explicar en declaracións ao Periódico O Sil o tenente de alcalde barquense, Aurentino Alonso, que xunto ao alcalde están a visitar os puntos afectados polo lume. Entre eles destaca a localidade de Alixo, onde arderon ata 15 vivendas, sen contar outro tipo de construcións como garaxe ou adegas. “Isto parece unha paisaxe de guerra”, lamentaba Alonso.

A tensión e a preocupación mantense xa que o lume continúa activo e “tira para arriba, cara o Alto de Monzón, e non sabemos cara onde seguirá isto. O incendio segue activo, e na zona de Santa Mariña estaba agora como descobocado, a cachos e unhas labaradas brutais. A ver se veñen os medios aéreos e poden intervir aí”, engadía o tenente de alcalde barquense.

Entre tanto, os veciños desaloxados onde dos seus pobos teñen ido volvendo. “Só houbo un matrimonio que non regresou, que o realoxamos nun dos hostais de Viloira, supoñemos que o resto dos veciños ou volveron ou se quedaron con familiares ou en pisos que teñen no Barco, en definitiva, non necesitaron da axuda do Concello”, sinalaba o tenente de alcalde do Barco.

No caso de Santigoso a veciñanza negouse a “marchar e en Santa Mariña pasou o mesmo”, confirmaba Aurentino Alonso.

Artigos relacionados

Back to top button