En portadaÚltima hora

Lois Babarro: “Facemos un chamamento a todo aquel que teña unha idea de negocio e queira participar no ‘coworking’ con sede na Rúa”

Este empresario, profesor da Escola de Organización Empresarial do Ministerio de Industria é o mentor do 'coworking' Valdeorras

Casco urbano da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Co fin de apoiar o emprendemento desde a formación, asesoramento e acompañamento ás empresas, está previsto que neste mes de febreiro comece unha nova convocatoria de coworking por parte da Xunta de Galicia.

Os coworkings son espazos de traballo que se poñen ao dispor de todos aqueles interesados, para que ao longo de 5 meses participen en distintas actividades tales como talleres, sesións de formación en grupo, mentorizacións por parte de expertos…, coa finalidade de conseguir que os emprendedores poidan poñer en marcha en pouco tempo os seus proxectos.

Esta convocatoria está destinada a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non mais de 6 meses) e como novidade, contará con tres novos espazos na provincia de Ourense, un deles con sede na Rúa para o que aínda quedan prazas libres.

 

Lois Babarro, mentor do Coworking Valdeorras.

 

O Coworking Valdeorras conta con 20 prazas e o prazo de inscrición está aberto ata que se cubran. En caso de que haxa máis solicitudes que pazas farase unha entrevista valorando cualitativamente os diferentes proxectos plantexados.

O propio mentor do espazo con sede na Rúa, Lois Babarro, asegura que desde a Escola de Organización Industrial fan “un chamamento a todas aquelas persoas que teñan unha idea de negocio e queiran desenvolvela a participar nesta nova edición dos coworking“.

Babarro, empresario e profesor da Escola de Organización Empresarial do Ministerio de Industria, asegura que o éxito dos coworking radica na “consolidación dos proxectos empresariais xa existentes e na posta en marcha de novos negocios que afianzan poboación no territorio e poñen en valor os nosos produtos e servizos“, destacando que “as cifras das cinco edicións anteriores confirman que entre o 50% e 60% dos alumnos que participan acaban poñendo en marcha as súas empresas co que iso implica para o noso territorio en termos económicos e laborais“.

Máis información sobre o Coworking Valdeorras no seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/comarca-de-valdeorras?

 

Artigos relacionados

Back to top button