ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Lola Doporto: “Nas festas tócanos crear lembranzas dos maiores, somos porque eles foron”

Esta pintora de Millarouso abría o Cristo 2022 no Barco cun pregón cheo de lembranzas e sentimento, acompañada no escenario polas súas marionetas

 

Acompañada no escenario polas súas icónicas marionetas, a pintora Lola Doporto abría as Festas do Cristo 2022 na tardiña do 9 de setembro coa tradicional lectura do pregón nunha praza Maior do Barco ateigada de público. Era un emotivo e sentido discurso cargado de lembranzas desta festa, lembranzas compartidas coa familia dende a infancia e cunha referencia especial aos máis pequenos e tamén aos maiores da casa. De feito, Lola Doporto adicáballe emocionada este pregón “á muller máis importante da miña vida, a miña mai, Toña de Millarouso, a ela encantábanlle as festas, a música, bailar e sempre sorrinte, encantábanlle as risas…”.

 

A pregoeira Lola Doporto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Antes, Lola Doporto era presentada pola súa prima Elena, contaba de maneira próxima e agarimosa o seu devalar persoal e tamén artístico. “Lola foi unha nena moi esperada na súa familia, unha nena rebuldeira, alegre bondadosa que pasou a súa infancia xogando na estrada de Millarouso”. Co tempo converteuse “en muller e en nai de Sandra” e a súa andaina artística, iniciada e desenvolvida de forma autodidacta, “tráena hoxe aquí”, dicía Elena, que acto seguido lle cedía á palabra á pregoeira.

Esta barquense comezaba sinalando que “a todos nos unen lembranzas comúns nas festas, de cando eramos nenos e nos levaban á festa e da nosa ilusión polas atraccións e da excitación que as luces e a música obraban en nós, todos lembrabamos quen nos levaba á festa, o papá, a mamá, os avós ou os padriños, todos temos curmáns cos que compartiamos e desfrutabamos, todos tiñamos soños nesas noites longas”.

 

 

A pregoeira coa Bandina Los Bierzones./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Contaba como as casas nesas datas se enchían de xente “da familia, amiga, xente do redor. E todos falaban e acaban nalgún momento na cociña, onde estaba o rebumbio de verdade. Cociñeiros e cociñeiras afanábanse en preparar larpeiradas, empanadas, carnes e doces, cadaquén ao seu xeito. Rapaciños coma nós entrando e saíndo da cociña ás carreiras, por ver se podiamos coller un melindre ou calquera papalapada, e sempre entre risas”.

Recordaba ademais os xantares, conversas, sobremesas de arroz con leite, filloas, leite fritida, bica ou flan, “as risas e os contos de uns e outros”, café de pota, augardente da casa… Xantares que tamén eran o momento “de escoitar aos maiores, que nos conten outra vez como ao pé dun gaiteiro ou dun acordeonista pediulle de bailar á moza máis fermosa que nunca vira e como 50 anos despois seguen bailando”, dicía a pregoeira, “tócanos crear lembranzas dos maiores, somos porque eles foron e tamén facemos porque eles fixeron”. Con estas festas, engadía “temos que desfrutar coa familia, cos amigos e cos veciños. Temos que ilusionar aos máis pequenos e levalos aos cochitos e aos carruseis, e adicarlles o día no medio da ilusión e da familia”.

 

 

“Estas son as lembranzas da festa”, concluía, “emocións e sentimentos nobres que voltarán a pasar polo corazón unha e outra vez, dicía, en alusión á orixe latina da palabra recordar, recordatio (voltar a pasar polo corazón). Dende o meu corazón deséxovos a todos unhas festas alegres e felices, familia, amigos e veciños. Vivan as festas do Cristo e viva O Barco e todos os valdeorreses”.

O acto de pregón, presentado por Diana Ramos e que incluía tamén a unha breve proxección de imaxes de Lola Doporto, concluía co habitual chupinazo da man de Lola Doporto. Antes a pregoeira recibía un ramo de flores de man entregado pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quen agradeceu as palabras de Doporto xa que “nos trouxo a lembranza do que para nós son as festas,tanto dentro como fóra da casa”. Finalmente, o alcalde do Barco, Alfredo García, agasallaba á pregoeira coa xa tradicional escultura do barqueiro, obra de Cochorro.

 

 

Calantornias e música tradicional, antesala do pregón

Antes do acto do pregón, a música tradicional enchía, a partir das oito da tarde, as rúas da vila da man do cuarteto berciano Bandina Los Bierzones, que acompañaba ás Calantornias, xigantes propios das Festas do Cristo do Barco, no seu percorrido dende o Teatro Lauro Olmo ata a praza Maior do Barco. Unha vez alí animaban co seu ritmo e alegría a praza ata o inicio do pregón.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button