A obra Una noche con ella, protagonizada por Loles León (La que se Avecina), estréase mañá, ás 21 horas no Teatro Principal de Ourense. Escrito e dirixido por Juan Luis Iborra, esta montaxe xira fai un percorrido polo últimos cincuenta anos da nosa historia, que á súa vez é unha viaxe pola vida de Loles León, as súas vivencias, os seus momentos máis amargos e alegres, situacións tan diversas como absurdas. Recordos cheos de emoción que, a través da música de cabaret e musichall, trasladarannos a distintas épocas. Pero, como a propia Loles León di ao comezo da función: “Se non che gustan cousas da túa vida, quen dixo que non poidas cambialas para representalas nun escenario?”. “Unha noite con ela” contén un 80 % de realidade e un 20 % de ficción, pero ela xamais confesará que é verdade e que mentira. O espectador debe pescudalo”, afirma o director.
A compañía Pentación Espectáculos pon en escena esta obra da que Juan Luís Iborra destaca que, durante a hora e media, Loles, xunto a dous mozos bailaríns e actores e música en directo, “ispe a súa alma e dá renda solta á súa lingua mordaz. Ela cantará e bailará para que o espectador lembre esa noite con ela como algo inesquecible”, afirma, destacando que esta montaxe “naceu da amizade e a admiración que sinto por Loles, unha gran actriz dramática á que me unen trinta anos de amizade”. O director agradeceu á Deputación de Ourense “a súa aposta pola cultura nun momento tan delicado como o actual”.