CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

“Lorquiana”, no linde entre a música flamenca e a clásica da man de Lorca

Neste espectáculo participan Rosa Torres-Pardo (piano), María Toledo (cante) e Lucía Álvarez, natural de Mouruás (Río), na dirección de escena. Poderá verse está tarde ás 20h. no Teatro de la Abadía de Madrid
María Toledo, Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez darán vida esta noite a “Lorquiana” en Madrid./ Foto cedida.

Música popular e clásica. Pasado e futuro xunguido a través de melodías flamencas que inspiraron a compositores do século XIX e XX como Enrique Granados, Isaac Albéniz e Manuel de Falla e tamén vencelladas á poética de Federico García Lorca. Son os vimbios cos que Rosa Torres-Pardo (ao piano), María Toledo (no cante) e Lucía Álvarez (na dirección de escena), constrúen o espectáculo “Lorquiana. Teoría y juego del duende”, coincidindo co centario da chegada a Madrid de García Lorca.

Esta proposta nace no marco do Festival de Arte Sacro e baséase nunha idea que Rosa Torres-Pardo xa iniciara anteriormente coa cantadora Rocío Márquez. “Máis que unha fusión eu vexo este programa como algo moi natural porque mestura a música popular coa música española que está baseada nesa música popular. Fixemos unha escolma dese tipo de compositores e fúmoslle engadindo outras das cancións de Lorca que nos parecía importante que estiveran aí”, explica esta pianista, Premio Nacional de Música.

Deste xeito rompen “eses dous mundos estancos da música popular e clásica. Estamos acostumados a tocar escolasticamente como está escrito na partitura e iso penso que nos limita moito como músicos, por iso ás veces hai que romper esas barras de compás que non nos permiten saír de aí. Eu sempre sentín esa necesidade de levar a música a outros lugares”, asegura Rosa Torres-Pardo. “E precisamente a única maneira de crear cosas novas é rompendo”, engade Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río).

Este espectáculo estreábase cunha excelente acollida o 30 de marzo no Corral de Comedias de Alcalá de Henares.”A verdade é que saímos ao escenario con certa calma sabendo que isto é algo que funciona, que gusta e que conecta, pero tendo en conta que o facíamos no teatro máis antigo de Europa e isto fíxonos sentir moi ben, hai moita maxia nese teatro”, contan. O 6 de abril a proposta chegaba ao Museo do Prado, cun concerto moi especial xunto ao o cadro “Fusilamiento de Torrijos e do seus compañeiros nas praias de Málaga” (1888). E neste venres 12 de abril, coas entradas esgotadas, poderá verse sobre o escenario do Teatro de la Abadía a partires das 20h.

“Lorquiana” plantéxase como “unha viaxe ás emocións”, apoiándose na capacidade evocadora da música. “A música ten o poder de evocar, de transformar, de lembrar, de transitar. A través dela evocamos a nosa memoria sensorial colectiva. Esa que nos fai vaixar á nosa nenez dende o noso presente e que, sen dúbida, acompañaranos nun futuro. Esa que as seguintes xeracións oirán e sentirán como propia uníndonos así a través de todos os tempos”, din Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez.

O concerto está estruturado en dúas partes. Na primeira inclúense as pezas “Danza II, Oriental” de Enrique Granados, “Almería” (Isaac Albéniz), “El Vito” e “Zorongo Gitano” (Federico García Lorca), “Jota” (Manuel de Falla), “Tres hojitas” e “La Tarara” (Lorca), “Corpus Christi en Sevilla” e “Debla” (Albéniz), “Nana de Sevilla” (Falla) e “Anda Jaleo”. Na segunda parte o programa céntrase en “El Amor Brujo” de Manuel de Falla, seguido de “Nana de Sevilla” e “Los Cuatro Muleros” (Lorca) para concluír con “El amor y la murte” de Granados. “Acabamos con esta melodía marabillosa e incrible que canta María Toledo e que adaptamos poñendo uns versos de Rilke tamén sobre o amor e a morte”, matiza Torres-Pardo.

Na posta en escena deste espectáculo Lucía Álvarez apostou por centrarse na viaxe musical “para que a xente non se despiste da emoción. Rosa Torres-Pardo e María Toledo comezan dun texto dito de palabra de Lorca no que aglutinan todas as fases deste poeta: está a letra cantada, a letra dita e iso fai que resulte moito máis redondo e completo. Ademais Rosa achega un texto moi pouco coñecido de Lorca que explica por que a música viaxa a través do tempo, conta que está viva e que é unha maneira de vivir todos no mesmo momento. E iso é o que sucede neste espectáculo, con cancións que ao longo de diferentes xeracións temos ido escoitando dende cativos e que nos conectan co futuro porque aos nenos tamén lle van quedando dentro”.

Unha viaxe que volverán a propoñer ao público o próximo 2 de maio noutro concerto para conmemorar o aniversario da Comunidade de Madrid. “Cando facemos este concerto a xente interiorízao perfectamente e enténdeo moi ben, non lle parece nada extraño, senón algo moi natural”, comenta Rosa Torres-Pardo. Tamén lles gustaría compartir esta travesía musical con outras zonas españolas, “todo se andará”, din. Ademais, seguindo da man de Lorca, preparan un novo proxecto que de seguro dará froitos moi pronto.

Artigos relacionados

Back to top button