O afamado grupo de folk galego Luar na Lubre escolleu a Ribeira Sacra ourensá para gravar o seu próximo vídeo musical. Así llo trasladaron hoxe, 27 de maio, ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que recibiu no Pazo Provincial ao líder do grupo, Bieito Romero, e a integrantes desta formación.
Está previsto que os traballos de gravación se inicien a partires do vindeiro mes de setembro e que a estrea sexa no Teatro Principal de Ourense no primeiro trimestre de 2018.
A Deputación, segundo confirmou Baltar, colaborará con este traballo de Luar na Lubre, que abranguerá os ámbitos musical e audiovisual, con gravacións localizadas no Mosteiro de San Pedro de Rocas, no propio río Sil e en diferentes paraxes naturais da Ribera Sacra, incorporando elementos característicos desta contorna como a figura do afiador e seu idioma, o barallete.
O presidente do goberno provincial afirma que este proxecto “de unir a música de Luar na Lubre, de fondas raíces galegas, coa historia e a singular paisaxe da Ribeira Sacra, suporá unha importante promoción para esta nomeada zona da provincia e contribuirá a realzar a beleza natural desta contorna”.