DeportesGalerías de fotosÚltima horaVídeos

“Luis, hoxe as xavelinas estarán pensando en ti cando estean no aire”

A Federación Galega de Atletismo e o Club Adas vén de renderlle unha emotiva homenaxe ao atleta valdeorresa Luis Nogueira, "un atleta exemplar", no marco do galego absoluto de clubs, no Barco

 

No ecuador do Campionato de Galicia absoluto de clubs tiña, que se desenvolve dende as 11h. deste sábado nas pistas de atletismo de Calabagueiros (O Barco) tiña lugar unha sentida e emocionante homenaxe a lanzador de xavelina vilamartinés Luis Nogueira, atleta do Club Adas recentemente falecido.

O presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, iniciaba o acto na propia pista, xunto a membros da familia do atleta, ao presidente do Club Adas, Agustín González; ao alcalde do Barco, Alfredo García, e aos concelleiros de Deporte e de Turismo, Aurentino Alonso e Eladio Santos, respectivamente.

“Hoxe toda a familia atlética de Galicia, representada por todos os clubs deste campionato galego absoluto, a quen agradezo publicamente a súa sensibilidade para estar aquí hoxe no Barco. Quero deixar constancia ante a familia de Luis Nogueira, ante a veciñanza de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) o sentimento máis profundo, admiración e o respecto que todos temos e teremos pola figura incombustible de Luis Nogueira”, sinalaba Hornillos.

“Foise un dos nosos”, engadía o presidente da FGA, “pero déixanos un legado moi importante, un legado que é un exemplo de vida para as presentes e as futuras xeracións que todos eles deben coñecer. Como presidente da Federación Galega de Atletismo comprométome a que perdure o imborrable legado e memoria de Luis Nogueira”.

 

 

A continuación interviña un emocionado Agustín González “Tinín”, quen comenzaba indicando que “nin é o mellor momento, nin son as mellores circunstancias. Lamentablemente hoxe temos que facer esta homenaxe ao noso querido atleta. Grazas extensivas a todas estas persoas que fixeron posible que isto puidera realizarse, especialmente ao presidente e a directiva da FGA. Para min son momentos moi complicados, moi duros. Luis, hoxe estaría encantado, rodeado dos compañeiros, dos amigos, da familia, e do Club Adas. Para nós foi sen dúbida unha das perdas máis lamentables que tivemos nestes últimos anos”.

Acto seguido, facíaselle entrega á familia de dúas placas conmemorativas. A primeira delas, da FGA, entregábaa Isidoro Hornillos. Nela estaba gravado o texto. “A FGA en recoñecemento, admiración e gratitude a Luis Nogueira, exemplo de valores para toda a sociedade”.

Logo Agustín González tamén lle entrega á familia outra placa do Club Adas. “A decisión tomouse nunha reunión coa xunta directiva, por unanimidade”, indicaba, antes de ler o texto da mesma: “O Club Adas a D. Luis Nogueira Fernández, atleta exemplar”. “Luis hoxe as xavelinas estarán pensando en ti cando estean no aire”, sinalaba finalmente Tinín.

 

 

Tras os aplausos en lembranza de Nogueira, pechaba o acto o alcalde do Barco, quen incidía tamén nos valores como deportista e persoa de Luis Nogueira. “Hoxe estamos homenaxeando a un deportista exemplar, a un veciño exemplar e a un traballador exemplar, homenaxeamos a un valdeorrés exemplar. Grazas ao presidente da FGA pola rápida reacción ante esta desgraza que pasamos”, indicaba Alfredo García.

A concluía anunciando que “o Concello do Barco vai facer un acto de homenaxe a Luis e esperamos e queremos que sexa cando poidan estar aquí e asistir toda a súa familia, todos os seus compañeiros do club, todos os seus veciños, será un acto popular para que toda Valdeorras lle mostre á súa familia o cariño que sentía por el. E, dende o Concello, o noso máis sentido pésame e a seguir para adiante porque o legado que Luis deixa para os novos, para os nenos, é moi grande. A seguir a estela de Luis”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button