PolíticaÚltima hora

Luis Menor asume a presidencia do PP de Ourense coa mirada nas municipais, “o noso primeiro reto”

Interviña na clausura do congreso provincial do partido, na que tamén participaban Alfonso Rueda e Alberto Núñez

 

Encher de azul o mapa de Ourense nas eleccións locais. É un dos primeiros retos que se marca o novo presidente provincial do PP, Luis Menor, que vén de ser elixido esta mañá no 19º Congreso do PP de Ourense, celebrado no Paco Paz. “Hoxe demos un paso importante na organización do partido xa que non era normal afrontar eleccións cunha xestora, é difícil traballar sen unha estrutura organizada, que hoxe queda completamente consolidada e que nos vai dar unha maior operatividade”, dicía, mirando xa ao horizonte das municipais. “O primeiro obxectivo é trasladar esa estabilidade que hoxe sae de aquí a todos e cada un dos concellos da provincia. Non queda moito se realmente queremos construír alternativas nos 92 municipios e, como non fagamos os deberes ben feitos, os votos non van aparecer”.

E como fórmulas para poder conseguir ese reto citaba: “a unidade por riba de calquera pretensión persoal, os mellores candidatos, o mellor programa e, sobre todo, escoitar á xente. Con este partido somos totalmente invencibles dicía”.

 

 

 

Menor comezaba e remataba a súa intervención do mesmo xeito “coa palabra máxica: grazas”. Expresaba unha serie de agradecementos aos compromisarios, á militancia, á organización do congreso, aos asistentes cunha referencia especial aos presidentes galego e estatal do PP, Alfonso Rueda e Alberto Núñez; e, á  súa familia. A partir de aí, facía un repaso pola súa traxectoria política, que iniciaba a finais dos anos 80, cando tiña 22 anos, como concelleiro no seu municipio Pereiro de Aguiar, e que, tras un parón retomaba no 2009 chegando no 2019 á alcaldía do seu concello e no 2023 á presidencia da Deputación de Ourense. “Unha bagaxe e unha experiencia que hoxe poño a cero para asumir unha nova responsabilidade, que asumo con total humildade e dedicación e pídovos ser un equipo e revindicar a bandeira da unidade”. Ademais reivindicaba o valor do municipalismo “como un dos piares do partido”, asegurando que este é un “dos segredos dos triunfos do PP”.

Rueda: “Á provincia de Ourense hai que dedicarlle moita atención”

Tras a súa intervención, tomaba a palabra na clausura do congreso o presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, asegurando que Luis Menor “toma o relevo ganador dun político de raza que mantivo ao partido nunha posición ganadora durante moitísimos anos”, referíndose a Manuel Baltar. Así mesmo indicaba que “a esta provincia hai que dedicarlle moita atención” e cualificaba a Menor como unha persoa “leal, con sentidiño e ourensán ata a médula”.

Finalmente, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, pechaba o congreso destacando o “liderado” de Menor, “froito do traballo de aprendizaxe constante e continúa e polo seu afán de unir ao partido”. Tamén apuntaba que a provincia de Ourense “é unha peza clave do partido en toda España”, que “sempre tivo un protagonismo superior á media no conxunto estatal” e que constitúe “unha máquina electora para o PP porque sabe conectar coa xente”.

Feijóo resaltaba tamén que “hoxe comeza unha nova etapa” e que o “PP de Ourense queda nas mellores mans e imos traballar tranquilos para seguir construíndo esta forza política”.

 

Ampliarase galería fotográfica en breve.

Back to top button