
A igrexa de Santa María da Proba (O Barco) contará nuns meses cun entorno totalmente diferente, unha vez rematen as obras que se están a realizar para a humanización da praza exterior do templo. Os traballos foron adxudicados á empresa Cufa SL, cun orzamento de algo máis de 105.000 euros e un prazo de execución de seis meses.
“Con este proxecto preténdese por en valor tanto a igrexa da Proba, con orixe no século XII, como o Camiño de Inverno, que transcorre polo lugar, recuperando o valor ornamental do conxunto, coa mínima agresión ao medio natural e patrimonial, e garantizando ao tempo as condicións de seguridade e accesibilidade dos usuarios da zona”, explican dende o Concello do Barco.
As obras, para as que foi preciso contar con todos os informes positivos de Patrimonio –debido ao carácter histórico da igrexa e tamén ao paso do Camiño de Inverno- consisten fundamentalmente na humanización do exterior do templo, actuando nunha superficie de aproximadamente 1.000 metros cadrados. Na zona habilitaranse novos muros de pedra, así como zonas para o descanso dos peóns.
O adro será naturalizado co mínimo pavimento duro, reducindo o tráfico rodado e ordenando a trazada do Camiño de Inverno, que inclúe un complicado cruce pola estrada que pasa polo lugar. Para os muros da contorna utilízase pedra do país, e para o chan, ademais de formigón lavado en zonas de paso, instalaranse lousas de granito tostado e zonas verdes en boa parte da zona de actuación.
“Un dos aspectos máis importantes do proxecto é a mellora da seguridade dos usuarios do Camiño de Inverno, que chegan á igrexa da Proba por unha vía paralela á N-120, e cruzan esta estrada por unha ponte, ao final da cal se chega a outra estrada –a provincial OU 0851- xusto diante da igrexa da Proba. Para mellorar a seguridade de acceso neste punto, construirase unha escaleira de pedra para descender de xeito seguro desde a ponte sobre a N-120, e un paso de peóns para cruzar a estrada provincial ata A Proba”, indica o Concello do Barco.
O proxecto tamén inclúe a renovación das redes de infraestrutura da zona (auga, sumidoiros e rego), ordeandose tamén os servizos públicos de iluminación, solicitándose a Unión Fenosa o soterramento do cableado.