
Continúan as accións promocionais da Denominación de Orixe Monterrei polo territorio español. Tras unha presentación na cidade da Coruña en marzo, desta volta os viños desta zona ourensá achegábanse a outras dúas cidades do norte na segunda semana de abril cunha moi boa acollida.
Así o Hotel Escuela Las Carolinas de Santander e a Bodega Urbana de Bilbao acollían nestes días nas súas instalacións sendas Masterclass da D.O. Monterrei, xunto cun Túnel do Viño do seus brancos e tintos. A estas presentacións acudían máis de 120 persoas: sumilleres, distribuidores, prensa especializada, bloggers, hostaleiros, profesores e alumnos/as de escolas de hostalería.
Cada unha destas accións estaba coordinada polo experto sumiller Luis Paadín e nelas aportábase información sobre a historia, características de clima e solo desta denominación ourensá, das súas variedades de uva ou tipologxía de viños. Ademais amosábase a relevancia histórica dos lagares rupestres en Monterrei, a zona de Galicia que conserva unha maior concentración destas antigas estruturas.
Logo dábase paso a un Túnel do Viño, no que os asistentes tiñan a oportunidade de coñecer e catar os viños de 23 bodegas de Monterrei: Pazos del Rey, Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, Quinta do Buble, José Antonio Da Silva Pereira, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Boo-Rivero, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Concepción Paradela Martínez, O Cabildo, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández) e Trasdovento.

Nestes dous actos promocionais volvíase a contar coa colaboración de produtos co selo de “Galicia Calidade”. “Todas estas accións buscan dar a coñecer a nosa zona vitivinícola e o noso produto, un produto con características e personalidade propia do cal debemos sentirnos orgulloso”, indica a presidenta del C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.
Fotos cedidas.