OurenseÚltima hora

Máis de 150 actividades deportivas, culturais e de lecer en Megaxove

O Salón da Xuventude celébrase en Expourense do 5 ao 8 de decembro cunha nova “Operación Quilo”
Presentación de Megaxove en Expourense.
Presentación de Megaxove en Expourense.

Expourense remata o calendario feiral do 2016 coa celebración de Megaxove, o 17º Salón da Xuventude que dende o 5 ata o 8 de decembro ofrecerá máis de 150 actividades deportivas e de lecer que converterán ao recinto no punto de encontro da mocidade galega durante a vindeira semana.

Nunha superficie de 8.000 metros cadrados daranse cita 26 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia que elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. Este ano como novidade impartirase un obradoiro de defensa persoal que incluirá a participación de psicológos e axentes se seguridade para previr e identificar casos de acoso escolar.

Esta edición de Megaxove era presentada na mañá do 1 de decembro en Expourense nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; a concelleira de Xuventude de Ourense, Sofía Godoy; o concelleiro de Deportes e presidente do comité asesor do salón; Mario Guede, e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Organizadores e colaboradores amosan o cartaz desta edición do Salón da Xuventude.
Organizadores e colaboradores amosan o cartaz desta edición do Salón da Xuventude.

No acto, a delegada territorial salientou o carácter interxeracional do salón, no que pais e avós acompañan e comparten actividades cos máis pequenos, facendo asemade referencia á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra o día 5 de decembro, coincidindo coa apertura do certame. Marisol Mouteira aludiu ás preto de 900 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.

As entidades participantes aproveitarán esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios nunha nova edición da “Operación Quilo Megaxove” co obxectivo de destinalos ás familias máis desfavorecidas da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button