
A cuarta edición da “Xurés Bike Tour” que levará aos afeccionados ao ciclismo de montaña a gozar das paraxes naturais que ofrecen os concellos de Muíños, Entrimo e Lobios, celebrarase os días 15 e 16 de xuño. A competición reunirá a máis de 150 deportistas de 11 provincias, entre os que se atopa o Campión do Mundo de XCM, o portugués David Vaz, nunha proba competitiva en bicicleta de montaña en formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dúas tipo maratón e unha contrareloxo) e será de forma individual ou por parellas.
Impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde, co apoio de Turismo de Galicia, a presentación deste evento deportivo tiña lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; a alcaldesa de Lobios, Mª Carmen Yáñez; o concelleiro de Festexos de Muíños, Benito Rodríguez; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.
“Este tipo de probas permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais da provincia a través do turismo deportivo e, neste caso, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar aquí co correspondente impacto económico que isto supón para o territorio”, explicou Rosendo Fernández.
Tres etapas na Xurés Bike Tour
A primeira etapa ten unha distancia de 42 quilómetros e 1.000 metros de desnivel que comezarán desde o Complexo Deportivo de O Corgo, en Muíños, e levará aos participantes a percorrer parte do Parque Nacional de O Xurés, pasando por enclaves únicos como a aldea de O Salgueiro, Prado ou Maus de Salas.
A segunda etapa sairá desde o municipio de Entrimo cun percorrido de 12 km e con máis de 300 metros de desnivel que se disputará nunha contrareloxo individual. Por último, a terceira, a etapa raíña da proba cun percorrido de 55 km con 1.500 metros de desnivel, terá a súa saída e chegada no centro de Lobios e transcorrerá pola contorna da Mina das Sombras e Portela do Homem.
A “Xurés Bike Tour” consta de distintas modalidades: volta completa, na que os participantes realizan as tres etapas; bicicleta eléctrica, dirixida a deportistas individuais que realicen as tres etapas cunha e-bike —esta categoría no será competitiva— e modalidade por parellas, para os equipos de dous integrantes que realicen as tres etapas. Os equipos poderán ser masculinos, femininos ou mixtos. Ademais, poderase realizar calquera das etapas de forma individual -agás o prólogo-, pero non entrarán nos premios da etapa.