OurenseÚltima hora

Máis de 200 cicloturistas daranse cita na II edición da ‘Ribeira Sacra Cycling Road’

Esta marcha cicloturista que se celebrará o 24 de setembro, ofrece dous posibles percorrido: un gran fondo de 115 km e un mini fondo de 80 km

Presentación da II marcha cicloturista Ribeira Sacra Cycling Road.

 

Máis de 200 cicloturistas daranse cita na II edición da Ribeira Sacra Cycling Road, a marcha cicloturista organizada polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, que levará aos deportistas a percorrer o vindeiro 24 de setembro, unha das paraxes naturais máis espectaculares da provincia ourensá.

A presentación da proba tiña lugar na mañá deste luns 12 de setembro no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, nun acto no que participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o xefe da área provincial da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices; a xerente do Inorde, Emma González; o director técnico da proba, Serafín Martínez; o alcalde do propio municipio, Carlos Gómez; e alcaldes e concelleiros dos municipios polos que transcorre a proba (Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira).

 

 

No acto, o presidente do Inorde destacou a importancia da cooperación pública e privada para “desenvolver eventos desta magnitude que nos permiten dinamizar social e economicamente o noso territorio, así como reivindicar o posicionamento de Ourense como destino de turismo deportivo” e agradeceu o apoio de Turismo de Galicia que cada ano “nos apoia na posta en valor dos nosos recursos turísticos a través deste tipo de eventos”.

“Tralo éxito logrado o ano pasado ao participar na mesma unha alta porcentaxe de persoas de fóra de Galicia, volvemos con esta segunda edición para continuar a dinamizar a economía local dos municipios que atravesa esta proba cicloturista, e a amosar a riqueza dos recursos que engloba a marca turística “Ourense xenuína”, engadiu Rosendo Fernández.

Pola súa parte, o director técnico da proba lembrou que se trata dunha “proba de gran esixencia física” e que ao igual co ano pasado “a metade dos inscritos que temos ata o momento proceden de fóra de Galicia, o que evidencia a capacidade do turismo deportivo como gran escaparate para dar a coñecer os destinos”.

 

 

A nivel técnico, esta marcha cicloturista ofrece aos participantes dous posibles percorridos co obxectivo de adaptarse a todos os públicos: un gran fondo de 115 km cun desnivel positivo de 2.600 metros, e un mini fondo de 80 km cun desnivel positivo de 1.800 metros. Ademais, haberá un tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con tramos cun 24% de desnivel. Recibirán un premio especial os tres primeiros e primeiras de dito tramo.

A saída da proba, de carácter non competitivo, terá lugar ás 9:30 horas na localidade de Luíntra, no municipio de Nogueira de Ramuín. O padriño oficial desta segunda edición da proba será o ex ciclista profesional que conseguiu subir 3 veces ao podio do Tour de Francia, Joseba Beloki, unha oportunidade única para rodar con el polas paraxes da Ribeira Sacra.

Os interesados en participar na proba poden inscribirse ata o 21 de setembro a través do seguinte enlace: www.aribeirasacra.com.

Artigos relacionados

Back to top button