OurenseÚltima hora

Máis de 300 inscritos no Congreso Ibérico de Turismo Deportivo que analizará as claves para a reactivación do sector trala pandemia

Celebrarase os días 16 e 17 de decembro en formato híbrido e contará coa participación de 25 expertos de España e Portugal

Presentación do congreso.

 

Analizar as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo e aproveitar as oportunidades xurdidas dos cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro que provocou a pandemia. Estes serán os obxectivos do 2º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo que se celebrará os días 16 e 17 de decembro próximos en formato híbrido, podendo seguirse presencialmente desde Expourense ou de forma virtual.

Este evento contará coa participación de 25 expertos de España e Portugal que tamén presentarán os distintos protocolos e recomendacións para celebrar eventos e competicións deportivas que integren todas as medidas preventivas para garantir a seguridade.

A presentación tiña lugar esta mañá nun acto no que participaron de forma telemática o secretario xeral para ou Deporte, Xosé Ramón Lete, e a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e de forma presencial asistiron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Todos eles coincidiron en destacar que Galicia pode ofrecer “deporte seguro en destino seguro”.

 

Outro momento da presentación en formato híbrido.

 

Trátase dun evento dirixido aos profesionais do sector como poden ser as Administracións públicas con competencia en deporte ou en turismo; federacións deportivas; pemes e autónomos do sector do deporte e o turismo; axencias de viaxes; clubs e empresas do deporte e ao alumnado e profesorado de ensinos deportivos ou turísticos. A asistencia, física ou en liña, é de carácter gratuíto e necesita de inscrición previa a través da web do Congreso onde tamén se pode consultar o programa. Nestes momentos supéranse xa os 300 rexistrados.

Como non podía ser doutra maneira, o Covid19 marcará tamén a temática desta segunda edición do congreso no que se celebrará unha mesa para presentar os distintos protocolos e recomendacións existentes para as competicións deportivas, tanto exterior como indoor.

Artigos relacionados

Back to top button