DeportesPiraguismoÚltima hora

Máis de 350 deportistas adestrarán no Cerlac de Laias (Cenlle) entre abril e maio

O adestrador nacional da selección española absoluta de canoa, Marcel Glavan, destaca a calidade das instalacións

 

Na mañá do mércores 13 de abril, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitaba o balneario de Laias para “celebrar a reactivación do termalismo deportivo despois da crise do Covid-19”. Acompañado da dirección de Caldaria, Manuel Baltar conversou cos deportistas e corpos técnicos dos equipos que están adestrando estes días nestas instalacións do Cerlac: a selección española absoluta de canoa -con tres finalistas olímpicos en Tokio 2020, entre eles a pontevedresa Antía Jácome-, a selección española júnior de remo e os alumnos da Shrewsbury School.

O presidente da Deputación remarcou a importancia deste momento de reactivación: “As instalacións de Caldaria abren de novo para o termalismo deportivo. Unha aposta da Deputación que é unha firme realidade”. Coma unha nova mostra desta consolidación, entre abril e maio adestrarán no Cerlac 357 deportistas de diferentes países. “Son centos de deportistas de diversos países, de seleccións, de colexios… veñen a estas láminas de auga para preparar campionatos internacionais”, resaltou Manuel Baltar, que sinalou como “unha cousa que parecía utópica sucede dende fai tempo, con equipos de, por exemplo, Australia vindo a Ourense a adestrar e amosando como as visións teñen que prantexarse para convertirse en realidade”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, con algúns dos deportistas que adestran estes días en Laias.

 

O adestrador nacional da selección absoluta de canoa, Marcel Glavan, remarcou na súa conversa con Manuel Baltar o nivel do Cerlac: “É un bo sitio, tranquilo e con boa calidade de auga”. Glavan, que como deportista gañou unha prata en Atlanta 1996 no C-2 1.000 e sete medallas en campionatos mundiais e tres en europeos, adestra en Laias xunto a Georgiana Glavan á elite da canoa española, entre as que está a Antía Jácome (diploma olímpico e prata no Mundial de Copenhague), Cayetano García e Pablo Martínez (diploma olímpico no C2 1.000).

A selección de canoa, tras afrontar uns test de competición en Pontevedra voltará a Laias para continuar a súa posta a punto nesta tempada de cara ao mundial, co horizonte de París 2024.

As instalacións do Cerlac están consideradas dende fai anos como unha absoluta referencia entre as mellores seleccións mundiais de piragüismo e remo, que teñen aquí unha importante base de adestramento. De feito, a selección absoluta de canoa, o equipo junior da Federación Española de Remo e o alumnos do Shrewsbury School repiten estes días estadía en Ourense. Ao igual que o farán en vindeiras datas os alumnos do Christ Church College, o club de veteranos Putney Rowing Clube e a selección española sub 23 de piragüismo. Ademais, entre abril e maio tamén coñecerán estas instalacións por primeira vez alumnos do Upper Thames, integrantes do clube inglés de veteranos Auriol Kesington e unha delegación do Thames College.

 

Artigos relacionados

Back to top button