OurenseÚltima hora

Máis de 40 alumnos de seis centros da provincia asisten ás probas da XLI Olimpíada Galega de Química, en Ourense

Os mellores participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Córdoba, do 25 ao 27 de abril

 

Un total de 43 alumnos de seis centros educativos da provincia (Colexio Miraflores de Ourense, IES Otero Pedrayo de Ourense, IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, IES Allariz, IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova e IES Cidade de Antioquia de Xinzo de Limia) participaban, na xornada do venres 14 de marzo, nas probas da XLII Olimpíada Galega de Química 2025, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que se celebraban na Facultade de Ciencias (As Lagoas), en Ourense.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acollían simultaneamente as probas desta XLII edición da olimpíada, nas que participaban 188 alumnas e alumnos procedentes de 35 centros educativos de toda Galicia.

A proba, consistiu en dúas partes: a resolución de cuestións tipo test; de varios problemas e na interpretación dun suposto práctico de laboratorio. A química e os seus vínculos con Galicia sempre están presentes nas probas, pero seguindo a pauta dos Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia (Decreto 86/2015), nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato.

A XLII Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, rende homenaxe este ano a Ignacio Ulzueta, un químico apaixonado polo mar que fundou en 1966 a Compañía Española de Algas Mariñas (CEAMSA), no Porriño. Ignacio Ulzueta, inspirado ao observar ás persoas que recollían algas nas praias galegas, ás que se refería como o ouro do mar, dedicou unha década para investigar as súas aplicacións industriais antes de fundar e establecer CEAMSA. Baixo o seu liderado, a Compañía Española de Algas Mariñas converteuse nunha firma pioneira na produción de aditivos naturais derivados de algas para as industrias alimentaria e farmacéuticas. Hoxe é unha empresa líder mundial no seu sector. “Queremos dar visibilidade e homenaxear aos pioneiros galegos da industria química; entre os que sen dúbida ocupa un lugar destacado, Ignacio Ulzueta”, sinala Juan Sanmartín.

A Olimpíada Galega de Química, que pretende “fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos”, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación, como é costume.

Os mellores alumnos participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Córdoba, do 25 ao 27 de abril. “Será unha nova oportunidade para mostrar o talento científico químico das novas xeracións do alumnado galego de bacharelato”, destaca un ano máis Manuel Rodríguez Méndez, máximo responsable da Asociación de Químicos de Galicia e do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button