SanidadeÚltima hora

Máis de 52.000 euros para mellorar o Centro de Saúde de Baltar

Sinatura do convenio.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o primeiro tenente de alcalde do Concello de Baltar, José Antonio Feijoo López; veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade. Entre as mesmas, destaca a substitución integral da cuberta, a colocación dun novo falso teito, ou instalación de iluminación completa acorde coa reforma.

García Comesaña agradeceu a boa disposición do Concello para poder asinar este convenio, co tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Baltar contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes en Galicia, segundo Sanidade. No caso da provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.
A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

Artigos relacionados

Back to top button