Un total de 7.010 pinchos foron vendidos na XI Ruta de Pinchos ‘O Barco vai de viños, celebrada entre os días 13 e 23 de xaneiro. Así o vén de comunicar a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), organizadora do evento gastronómico en colaboración coa Asociación Centro Comercial Aberto O Barco (CCA) e o Concello do Barco, asegurando que na campaña, calificada de “positiva por hostaleiros e clientes”, participaron 15 establecementos barquenses.
Unha das novidades desta edición da ruta é que os catro pinchos mellor valorados polos clientes pasarán a unha segunda fase na que será un xurado especializado quen decidirá, atendendo a criterios de creatividade, presentación, sabor, textura e tradición, quen é o gañador da XI Ruta de Pinchos. Tamén haberá un segundo premio, un terceiro e un finalista.
Así, tras realizar o reconto dos votos emitidos polos clientes ao mellor pincho, os catro finalistas son: Makofajita, do Bar Makoki; Ravioli crocante de rabo de tenreira, de Alpha Raíces; Taco de porco con cebreiro e redución unagi, de Café Teatro Bajo 5; e Timbal de solombo, de Café Bar Zig Zag.
A valoración do xurado técnico terá lugar este sábado 29 de xaneiro. A cata comezará ás 19:30 horas no Café Teatro Bajo 5, continuará ás 20:15 horas en Alpha Raíces, ás 21 horas será en Café Bar Zig Zag e finalizará ás 21:45 horas en Bar Makoki.
O xurado desta edición da Ruta de Pinchos está formado por Mercedes González Rodríguez, sumiller e enóloga; Ana Isabel Fernández Escuredo, nutricionista e Tecnóloga dos Alimentos para o sector privado e público; Jesús Rodríguez Carreiras, profesor do Instituto de Hostalaría de Lugo; Jorge Mazaira, Enólogo e Director Técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras; e Constantino Iglesias, xerente Tizar Restaurante Ourense e TG Tino Iglesias Servizos Gastronómicos. A entrega de premios celebrarase o domingo 30 de xaneiro, ás 12horas, no Edificio Multiusos do Concello do Barco.
Paralelamente, a organización celebrará o sorteo de catro ceas para catro parellas o venres, 28 de xaneiro, na oficina de AEVA. Os premiados daranse a coñecer o domingo 30 de xaneiro no acto de entrega de galardóns aos establecementos gañadores e finalista da XI Ruta.