OurenseÚltima hora

Máis de 800.000 euros para a rehabilitación integral do CEIP de Mariñamansa

 

Na mañá do mércores 17 de agosto, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegábase ata o CEIP de Mariñamansa para supervisar o estado das obras de rehabilitación integral do centro escolar por un valor de máis de 800.000 euros, cun prazo de execución de 5 meses, e que teñen por obxecto conseguir un menor gasto enerxético e unha mellor e máis cómoda estancia dentro del, así como a mellora das instalacións deportivas e os accesos ao edificio.

Durante a visita, o delegado explicou que esta actuación consiste no “forrado da edificación con illamento térmico polo exterior; na substitución das fiestras existentes por outras con rotura de ponte térmico, incluíndo vidreira e persianas; a colocación de novo falso teito; a substitución das luminarias existentes por outras de maior eficiencia e o pintado de despachos, sala de profesores, secretaría, comedor, salón de actos, zonas comúns e aulas”.

 

 

As obras contemplan tamén a colocación de novo chan vinílico antideslizante nas aulas e a instalación de novas portas en Educación especial 2-3-4 e música. Tamén se está a acondicionar a pista polideportiva, a sala de caldeiras e se reformará os exteriores do centro.

Gabriel Alén destacou que nos últimos anos a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten destinado a este centro escolar preto de 470.000 euros en distintas reformas de mellora, en especial a desenvolvida en 2021, cunha achega de máis de 252.000 euros para a reposición da súa cuberta.

 

 

O representante do Goberno galego salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button