EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Máis de 800 persoas desfrutaban da “Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño do Ribeiro”

“Estas actividades enoturísticas consolidan o noso obxectivo de facer do Ribeiro un destino turístico de calidade e desestacionalizado”, sinala o presidente desta Ruta do Viño

 

A Ruta do Viño do Ribeiro celebraba na pasada fin de semana a acción promocional de Portas Abertas nas Rutas dos viños de Galicia, e xa van 12 edicións, cun programa repleto de propostas enoturísticas para todos os públicos, contando con adegas, museos, restaurantes e aloxamentos, que recibiron aos visitantes durante 3 días e colgaron o cartel de completo, cubrindo as prazas ofertadas.

Os ViñoBus, que se consolidan como un elemento moi importante, facilitaron a participación do público procedente de diferentes puntos de Galicia. Segundo a organización foron máis de oitocentas persoas as que participaron nalgunha das actividades que se celebraron entre o venres e o domingo.
Segundo Juan M. Casares, presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, “As actividades desenvolvidas, son xa un clásico no calendario promocional da Ruta do Viño, e supuxeron un gran investimento na promoción da Ruta do Viño do Ribeiro, co gallo de facer do Ribeiro un destino turístico de calidade e desestacionalizado.”

A Primavera de Portas Abertas celebrouse nos días do 12 ao 14 de maio durante os cales o público visitante participou na ampla oferta de actividades programadas:

• Visita ás adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro e degustar os seus viños.
• Gozar de experiencias enogastronómicas cos menús especiais que ofreceron os nosos restaurantes.
• Descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos participantes ofreceron prezos especiais nas súas estadías.

A organización repetiu a experiencia do ViñoBus, un recurso que facilita e promove a participación de público de diferentes puntos de Galicia. Saíron autobuses dende Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña que percorreron, acompañados de guías turísticas profesionais, as diferentes adegas que participaron con actividades enoturísticas.

Nesta edición deuse especial importancia á promoción do patrimonio histórico, un recurso moi ligado á cultura do viño e a súa importancia neste territorio. Por esta razón, as rutas do viño bus incluiron visitas teatralizadas de lugares tan relevantes como, Pazos de Arenteiro, ou á Casa Museo de Antón Losada Diéguez.

 

 

Entre as actividades programadas, a organización destaca as seguintes:

Visita nocturna pola vila de Ribadavia, que tivo lugar o venres 12 de maio, onde os participantes coñeceron a historia da vila a través de anécdotas, persoeiros e contos relacionados co mundo do viño.

Ribeiro de Tapeo, celebrada o sábado 13 de maio na Igraxa da Madalena, en Ribadavia. Unha maridaxe entre petiscos cociñados polos restaurantes socios da Ruta do Viño do Ribeiro, e Viños de adegas da D.O. Ribeiro socios da Ruta. Unha actividade que foi un éxito e cubriu todas as prazas ofertadas.

O domingo 14 de maio, A Ruta do Viño do Ribeiro e o Concello de Ribadavia, organizaron a Andaina O Camiño do Viño. Ribadavia- Compostela// Etapa 1. Unha actividade centrada na identificación desta Ruta como o Camiño do Viño, co obxecto de pór en valor a relevancia histórica do Ribeiro na cultura do viño de Galicia e a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela. Os participantes saíron da Oficina de Turismo de Ribadavia, pasando por lugares sinalados como Santo André de Camporredondo, Esposende ou Pazos Hermos.

O Museo do Viño de Galicia, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Lás, tamén se uniron a esta celebración da Primavera de Portas Abertas, e acolleron aos visitantes que percorreron o Ribeiro nesta intensa fin de semana.

Artigos relacionados

Back to top button