CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Vanesa Yáñez: “O SilFest Valdeorras é unha experiencia que paga a pena vivir e quen proba, repite”

Esta barquense forma parte do equipo do festival dende o ano 2016 sendo a responsable da coordinación e loxística

Vanesa Yáñez na presentación da 8ª edición do SilFest Valdeorras.

 

Leva vinculada ao SilFest Valdeorras dende o a segunda edición, no ano 2016, e asegura que o máis satisfactorio é “ver que todo sae ben e sobre todo que cando abramos esté todo montado. Abrir as portas o venres e dicir, non queda nada por facer”.

A barquense Vanesa Yáñez é a responsable da coordinación e loxística do festival pero o seu traballo vai moito máis alá. “En realidade fago un pouco de todo. Na previa encárgome do tema do persoal, da loxística de comida (que food truck veñen para ter a maior variedade posible para todo o público), do mercadiño; a parte do merchandising tamén a levo eu, a produción dos grupos máis pequenos que non tocan no escenario principal, o Mini SilFest,…”

 

Vanesa controlando o son./ Foto cedida.

 

Son moitos aspectos a ter en conta e malia ser un traballlo pouco visible e incluso valorado de cara ao público, é clave para o desenvolvemento do festival e require moitas horas. Vanesa explica que para esta edición empezaron a traballar a primeiros de ano e ao principio non hai tanto apuro pero agora leva dous meses sen parar. “Entre os hoteis para os grupos, a comida… Hai que pelexarse con moita xente e só de persoal estamos en torno ás 50 persoas contratadas polo SilFest que case todos veñen de fóra polo que tivemos que falar con cada un, tramitar a documentación e mesmo habilitarlles prazas no camping porque, malia ser gratuíto, sempre hai que levar certo control para ver o espazo que se ocupa”, di, engadindo que agora mesmo, a menos dunha semana para a data, está co tema da cartelería (prezos, merchandising, barras,…).

Aínda que poida non parecelo, coordinar os espazos ten o seu complexo e para iso contan cun plano escala da zona do río onde vai e de cada árbore e “xa levamos días pelexando para telo todo cuadriculado e que cada cousa entre onde debe entrar”, di Vanesa. O recinto do SilFest vai dende a pasarela ata o río Cigüeño, uns 4.200 metros cadrados no que se distribúen os servizos e espazos. Para esta 8ª edición contan con dúas barras, unha principal preto do escenario grande coma sempre, e outra máis pequena na zona do Mini SilFest que contará cun posto de Bico de Xeado; a zona de restauración, onde van as food truck e postos varios entre eles un xamoneiro; a zona do Mini SilFest onde se fan todas as actividades para os máis pequenos; a sección de mercadiño con 12 postos; e ao fondo de todo o Espazo Florencio onde se realizan catas e o showcooking.

 

Vanesa co merchandising do SilFest./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

“Como novidades en canto a comida este ano haberá un xamoneiro e tamén un posto só de comida vegana, ademais do posto de xeados”, di Vanesa, asegurando que o festival sempre me deu “moi bo rollo”. Recoñece que ela teno máis fácil porque traballa todo o ano cun dos directores, Jorge Álvarez, dende que empeceu en Ton y Son no ano 2015, pero en xeral hai moi bo ambiente interno entre os traballadores e tamén cos directores. “Ao final creo non hai ninguén dentro do festival que o pase mal, por moito que na previa, durante a montaxe, ás veces estemos a tope e histéricos, unha vez que se abren as portas acabáronse os problemas. Creo que nunca houbo unha queixa de nada e iso é de agradecer. A min o que máis me satisface é ver que todo sae ben e sobre todo que cando abramos esté todo montado. Abrir as portas o venres e dicir, non queda nada por facer”.

Con todo, para Vanesa o máis complexo é a coordinación do escenario principal. “Falar con todos os grupos, que todo cadre, que cada grupo toque cos seus instrumentos ou que compartan por exemplo batería. Todo iso é o máis duro e por sorte dende hai uns anos encárgase Patricia Hermida. Outra parte difícil é que todo entre no seu oco, que a xente chegue á hora que ten que chegar e que non haxa retrasos na montaxe. Iso tamén é bastante complexo”, di, pero unha vez que o conseguen, só queda dar paso ao público que sen dúbida vaino pasar ben. “É unha experiencia que paga a pena vivir porque é moito máis que música. Quen proba repite, sempre. A non ser que teña un evento programado previamente quen ven un ano, volve”, conclúe, convidando á xente a que asista.

 

Artigos relacionados

Back to top button