CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Mans valdeorresas na restauración dos retablos das dúas portas de Viveiro

Luis Enrique Rodríguez e Ana Sánchez teñen previsto concluír na vindeira fin de semana esta intervención, despois de 2 meses de traballo

 

A restauración é un traballo minucioso que non só permite deter o deterioro das obras de arte, senón tamén intentar devolvelas ao máis parecido ao seu estado orixinal a través da limpeza e eliminación de repintes posteriores, ou incluso ás veces, con reconstrucións volumétricas. Ademais é un proceso que require “poñerse aos pés da obra e do artista”, tal como conta o barquense Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, que xunto a Ana Sánchez Calzada, criada en Valdeorras, están a restaurar dende hai un par de meses os retablos das dúas portas desta localidade: a Porta da Vila e a Porta de Carlos V (tamén chamada Porta do Castelo da Ponte). Ambos retablos, de madeira non policromada, son obra de José Otero Gorrita.

“Tratábase de restaurar dous camaríns ou retablos semicirculares que están colocados no interior das súas portas que se conservan da cidade”, explica Luis Enrique Rodríguez. Comezaban pola Porta da Vila, de época medieval. O seu retablo é coñecido como o do Cristo do Amparo pola figura de Cristo que contén, atribuído ao século XVIII. Tamén ten a representación dun calvario: “unha imaxe de San Xoán e unha Virxe (con policromía e pan de ouro) do século XVI, dúas tallas que están na parte central do retablo. Restauramos as imaxes e o retablo que ademais contén tallas dos dous co-patróns da cidade que son San Roque e Santo Tomás. Están en dous medallóns nos laterais do camarín central con relevos e cos nomes dos santos”, explica Coquixo.

 

Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”, traballando na restauración dunha das portas de Viveiro./ Cedida.

 

A intervención incluía a limpeza e protección da madeira, aséntabase a policromía das tallas e, como medida preventiva aplicábase un tratamento de desinsectación. Así mesmo trataban o metal do enreixado ornamental (de ferro e bronce) e dos farois de ferro colocados aos lados do camarín central nos retablos para frear a súa corrosión.

 

Detalle dunha das pezas antes e despois da restauración./ Cedida.

 

O segundo retablo no que interviña o equipo de restauración é de 1957 e presenta unha imaxe de San Roque, co neno e o can ,na parte central, e, aos lados, dous escudos, un deles o de Galicia e o outro o do Concello de Viveiro.

 

Ana Sánchez, a outra experta que formaba parte do equipo de restauración./ Cedida.

 

Este proxecto de restauración, promovido polo Concello de Viveiro non é o primeiro no que participa Luis Enrique Rodríguez, cunha longa traxectoria profesional na cidade. “Levo 25 anos relacionado co tema da restauración”, comenta este valdeorrés que xa ten restaurado imaxes e elementos de diversas igrexas e que saen na Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Fotos cedidas.

 

Porta da Vila de Viveiro./ Cedida.

 

Detalla do Calvario xa restaurado.

Artigos relacionados

Back to top button