En portadaÚltima hora

Manuel Corzo: “O que quero é que se arranxe dunha vez a ponte de Barxa, despois xa se pedirán responsabilidades”

O alcalde do concello de O Bolo asegura que realmente "os que tiñan que arranxala son os que se aproveitan e benefician da auga"

O alcalde de O Bolo, Manuel Corzo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un profundo malestar vén de amosar o alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, ante a inactividade con respecto ao arranxo da ponte sobre o río Xares en Barxa, pechada ao tráfico rodado dende o fundimento do piar central tralas intensas chuvias caídas en decembro de 2019. “Pasou xa ano e medio e ninguén fixo nada”, asegura, especialmente molesto tras coñecer a decisión da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de non aportar a parte económica que lle correspondería segundo o acordado pola comisión creada hai un par de meses.

“Eu sempre dixen, xa dende a primeira reunión da comisión celebrada no Concello de O Bolo, que o que había que facer era a ponte de Barxa, iso é o primeiro, pero nin na primeira nin na segunda reunión apareceu ninguén da Confederación. Na reunión de hoxe si estaba o presidente e dixo que  economicamente non ía aportar nada e precisamente a min o que me interesa é que solten os cartos e despois xa virá o demais”, asegura Corzo que lle facía entrega dun escrito no que solicita “información sobre o cumprimento das normas de explotación polos titulares das presas de Prada (Endesa) e Santa Eulalia (Iberdrola) na data aproximada do 19/12/2019, nos lugares dos concellos de O Bolo e A Veiga”.

 

O paso leva máis dun ano cortado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Un escrito que o rexedor xa tiña preparado hai meses. Os meses que leva insistindo en que “o primeiro é arranxar a ponte, e se a Confederación non quere aportar a súa parte, a Deputación e a Xunta terán que aportar o que sexa necesario para solucionar o problema, porque non creo eu que sexan tantos 572.000 euros para estas dúas administracións. Depois, por suposto, haberá que pedir responsabilidades ás empresas titulares das presas”.

O rexedor asegura que están abusando do concello de O Bolo. “Se isto ocorrese nun concello da costa seguro que xa estaría resolto, pero aquí aproveitáronse de dous grandes ríos, como son o Xares e o Bibei, ríos de anguías, peixes e troitas,… e cando sobra a auga arrasan con todo”, di, explicando que el mesmo foi a Prada, no concello da Veiga, días antes da desgraza, “cando case se tocaba a auga co brazo pero estaban esperando a ver se paraba de chover, e cando viron que non paraba foi cando lle abriron a esa presa e despois tiveron que abrirlle tamén á de Santa Eulalia, rompendo co piar da ponte que estaba bastante segura pero a forza pudo con todo”, conta, indignado ante a impasibidade. “Aquí ninguén te apoia canto tes unha desgraza porque iso foi unha desgraza. Non hai dereito que dende Barxa ou San Martiño teñan que andar media hora máis para poder ir á Rúa ou Petín ou onde sexa”.

 

Estado actual da ponte./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

De todo isto deu conta Manuel Corzo na reunión mantida hoxe en Ourense, concluíndo con que “a ponte de Barxa hai que arranxala dunha vez e se non prepararemos unha manifestación para ir en dous ou tres autobuses para ir a Madrid, porque non hai dereito a que se abandonen os pobos deprimidos e que abusen deles deste xeito. Os que tiñan que arranxala son os que se aproveitan e benefician da auga pero o único que fan tanto unha empresa como a outra é aproveitarse dos recursos. Quero que se fagan as cousas e non abusen do concello que eu presido”.

Artigos relacionados

Back to top button