
Celebrando un récord galego o atleta Manuel García Alfonso, do Club Adas Cupa do Barco, pon fin a unha dilatada carreira de 70 anos no mundo do atletismo. Onte disputaba o campionato galego máster en Lugo, no que batía o récord galego dos 200 metros na categoría M80, cunha marca de 46.10. Ademais proclamábase campión galego nesa distancia e tamén na de 100,
“Sinto moita alegría porque realmente conseguín bater este récord dos 200, que tiña na cabeza e por fin logreino”, confesaba este corredor asentado en Valdeorras, tras o campionato. Ao mesmo tempo, recoñecia certa “pena” ao despedirse dun deporte no que se iniciaba en Barcelona e que continuaba despois en Valdeorras, formando parte durante 30 anos do Adas, tras ser fichado polo seu presidente, Agustín González “Tinín”. “Son moitos recordos, moitas alegrías e moitos bos momentos”, recoñecía.
A Federación Galega de Atletismo (FGA) tamén rendía homenaxe a este atleta pola súa traxectoria cun vídeo que vén de colgar nas súas redes sociais.