Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Manuel Núñez, candidato do PP á alcadía: “Temos que reactivar O Barco, que leva anos instalado na parálise”

O cabeza de lista barquense participaba, xunto á conselleira de Medio Ambiente e ao presidente do PP de Ourense nun mitin no Teatro Lauro Olmo da vila

 

“Somos un equipo novo e con moitas ideas, temos moitas ganas e o único que pedimos é a vosa confianza para poder demostrar o que podemos facer polo Barco. Se temos oportunidade de poder gobernar demostrarémosvolo. Esperamos que nos botedes unha man e, así, entre todos, ser moitos máis para poder facernos cargo desta nova singladura que vai haber, porque as demais xa van á deriva”. Era a mensaxe que lanzaba ao final da súa intervención o candidato popular á alcaldía do Barco, Manuel Fernández “Noli”, no mitin que esta formación política celebraba na tarde do 14 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco.

A candidatura barquense estaba arroupada neste acto por representantes do PP a nivel estatal, galego e provincial, entre eles a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente da Deputación de Ourense, que tamén interviñan no acto, así como por alcaldes e concelleiros do PP da comarca de Valdeorras.

Manuel Núñez apostaba por unha xestión municipal “rigorosa e fiable” para “reactivar O Barco, un concello que, por desgraza, leva anos instalado na parálise”. Neste senso plantexaba como punto de partida a realización “dun estudo económico das potencialidades do noso concello, para desenvolver novas iniciativas que transformen, de verdade, O Barco”.

Tamén aludía a outras propostas do programa dos populares como a revisión do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do 2003, a “construción dun albergue de peregrinos no Camiño do Inverno e a potenciación da industria turística e o deporte”, a humanización do Malecón, a remodelación das pistas de atletismo ou a potenciación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras, “que está practicamente abandonado”, destacando a súa importancia en situacións de emerxencias no municipio.

 

 

O candidato popular á alcaldía barquense tamén aseguraba que se buscarán “novas liñas de colaboración coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, para levar a cabo proxectos dinamizadores do territorio”.

A continuación, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, agradecíalle ao equipo que encabeza Noli Núñez o feito de ter dado “este paso á fronte, é posible outra forma de gobernar no Barco. Sodes uns valentes porque é moito o que tedes que facer por este concello”.

 

 

Manuel Baltar: “Temos que empezar unha nova etapa o 28 de maio no Barco”

Tras ela interviña o presidente da Deputación de Ourense e presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, quen aseguraba “este é o único partido que aposta polo cambio no Barco, despois de 24 anos co mesmo alcalde. Tedes que preguntarvos que se fixo en infraestruturas,  se hai máis seguridade no municipio ou non, se hai máis infraestruturas deportivas ou en materia de medio ambiente. O balance é de apatía, de deixar pasar, de conformarse. Ao Barco fátalle ambición, podería ser un espello no que puideran mirarse outros concellos, merece distinguirse como unha vila dinámica, sobresaínte na provincia de Ourense e con visibibilidade en Galicia. Algo que hoxe non ten… Leva 24 anos e quere estar 28 anos, pero non llo imos permitir porque O Barco necesita máis, necesita un cambio”.

 

 

E así Baltar resaltaba que “temos que empezar unha nova etapa o 28 de maio” da man de Noli Núñez, unha persoa “que xa formou parte da Corporación de Julio Gurriarán e que coñece como ninguén o partido, que o leva no sangue, e este é un partido de goberno. É unha persoa seria, directa executiva e que coñecer a organización, e por iso é unha garantía”.

 

 

O presidente provincial do PP tamén subliñaba que a candidatura que se presenta no Barco “está disposta a actuar, dende o Concello e a alcaldía, con ilusión, capacidade de traballo e en coordinación coa Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e, máis pronto que tarde, cun Goberno central presidido polo ourensán Alberto Núñez Feijóo”.

Tamén lembraba que o PP “sempre ten no Barco magníficos resultados nas eleccións xerais, nas eleccións europeas, nas eleccións autonómicas e agora este é o momento perfecto para que este concello se sume ao cambio tan necesario, para darlle un novo rumbo ao Barco”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button