Andainas-Trails-OrientaciónDeportesEn portadaÚltima hora

Manzaneda inaugurará o 26 de marzo cunha andaina a ruta ambiental “Vales Glaciares”

Será un percorrido guiado, con inscrición de balde, e que estará limitado a 100 participantes

Sendeiristas, camiñando polo Val Glaciar de Prada en Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Manzaneda estrea un novo proxecto vinculado á natureza, á montaña e ao sendeirismo. Así o vindeiro domingo 26 de marzo ás 10h. o Concello inaugurará a ruta ambiental “Vales Glaciares de Manzaneda”.  O Concello de Manzaneda levou a cabo este proxecto mediante axuda da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020.

Con inicio e fin na contorna da estacional invernal de Manzaneda, esta ruta percorre aproximadamente 20 km dun percorrido circular. Ao longo deste traxecto pódense contemplar e interpretar os valores naturais, ambientais, paisaxísticos e culturais da Rede Natura 2000 das área de montaña Macizo Central. Atravesando os vales glaciares de Prada (aldea abandonada de Prada) e Aguilladas (Lagoa grande) e con derivación a antigo campamento romano. No decurso do percorrido tamén se poden atopar os tradicionais curros dos pastores na serra e as torricelas que utilizan para guiarse pola serra.
Do mesmo xeito, este percorrido enlaza coas rutas de senderismo homologadas PR-G 138 Val Glaciar de Prada e PR-G 137 dos Soutos de Cesuris; configurando un terna de rutas que o camiñante pode percorrer polo noso territorio.

Neste senso o domingo 26 de marzo, o Concello de Manzaneda coa colaboración da Estación de Montaña de Manzaneda e Celtia Travel-Xeitura realízase unha ruta interpretativa de balde, na que dende as 10.00 h ata as 17.00 h percorrerase a ruta con guías intérpretes titulados. Na actividade inclúese o seguro de responsabilidade civil e accidentes. Aínda que haberá algún avituallameno, recoméndase levar comida (tipo picnic) e auga suficientes, pois comeremos nalgún punto da ruta.

Se ben a dificultade do trazado é media-alta, este conta cun percorrido esixente dende o punto de vista físico que require posuír unha preparación física axeitada a este tipo de rutas. “Tentaremos organizar con Protección Civil de Manzaneda e responsables da estación de montaña o transporte en vehículo dende o núcleo de Requeixo á estación de montaña daquelas persoas que decidan rematar o percorrido na aldea abandonada de Prada”, segundo informa dende o Concello.

A actividade, que está limitada a 100 participantes precisa de inscrición previa, que se pode realizar a través do seguinte fío: http://concellodemanzaneda.es/category/caminatas/

“Esta ruta permite unha diversificación do turismo de verde de camiñantes. O deseño do itinerario que conflúe con outras rutas de sendeirismo homologas do concello de Manzaneda, permite que o visitante poda planificar rutas para un par de días, favorecendo produtos integrais para aloxarte no noso territorio e gozar da nosa gastronomía e produtos locais”, explica o alcalde de Manzanda, Amable Fernández

Pola súa banda, Víctor Picos, director da Estación de Montaña de Manzaneda, resalta que “a creación de rutas como o da iniciativa promovida polo Concello de Manzaneda, permite unha desestacionalización do turismo de montaña e un achegamento a outros valores e elementos únicos do territorio no que nos encravamos”.

Artigos relacionados

Back to top button