ConcellosEn portadaEntroido 2023Galerías de fotosManzanedaÚltima hora

Manzaneda latexa co trepidante toque do fulión e cos engaiolantes xiros das Mázcaras

 

Soaban as chocas das Mázcaras do Fulión da Mourela p’acá en Manzaneda e facíase o silencio. Estas elegantes e coloristas figuras iniciaban pasadas as once e media deste Martes de Entroido o ritual da solicitude de permiso para que o seu fulión puidera tocar na vila. Versos nos que se facía unha emotiva lembranza a Isidro, unha das Mázcaras deste fulión falecido hai uns meses. “Bos días teñades todos/ veciños e acompañantes/ tocamos a corna na Mourela/ para chegarmos puntuales./ Cada ano somos menos/ fáltanos xente importante./ O noso recordo ao Isidro/ por el seguimos para adiante“.

 

 

Deste xeito, e tras contestación, tamén en verso do representante de Manzaneda poñíase en marcha o desfile de fulións co que se celebraba o día grande do Entroido neste concello. A partir de aí bombos, gadañas, sachos e cornas fundíanse nun intenso toque que se fundía co das chocas das Mázcaras ao danzar.

Comezaba deste xeito unha longa ronda pola vila deste fulión, que incluía unha visita á residencia de maiores, e á que logo se unían Os Labregos e o Folión A Lardeira (Trives), o Fulión de Langullo-Parroquia de Cesuris, o Folión A Caniceira e As Maceiras (Trives). A comitiva, que saía do patio do colexio e tras percorrer a zona vella regresaba ao punto de partida, pechábaa o Fulión de San Martiño.

 

 

Tras a ronda tiña lugar un xantar popular no pavillón polideportivo para os membros dos folións participantes e para os veciños de Manzaneda.

Para velar pola seguridade no desfile contábase cun operativo formado por 22 voluntarios de Protección Civil das agrupacións de Manzaneda, O Bolo, Trives, O Barco, A Rúa, Petín e Viana do Bolo.

Fotos: A.R.

Máis fotos:
https://osil.info/xantar-popular-do-martes-de-entroido-en-manzaneda/

 

Cedida.

Artigos relacionados

Back to top button