En portadaEntroido 2024Última horaVídeos

Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso presentan de forma conxunta os seus Entroidos

 

O Centro de Día de Manzaneda era o escenario escollido esta mañá para a presentación de forma conxunta dos Entroidos deste municipio, de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, que nos tres casos se complementan con celebracións gastronómicas. O acto contaba coa presenza dos alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández, e de Vilariño de Conso, Melisa Macía, así como coa do concelleiro de Cultura vianés, Marcos Martínez; e coa dun representante da Axencia de Turismo de Galicia. Ademais estaban acompañados por tres figuras enmascaradas: unha Mázcara de Manzaneda, un Boteiro de Viana e outro de Vilariño.

 

 

 

O primeiro en intervir era Amable Fernández, quen destacaba as singularidades propias do fulión de Manzaneda, coas danzas das súas Mázcaras, a fuliada ouas visitas entre folións nocturnas. Así mesmo destacaba que o día grande será o Martes de Entroido, cun desfile coa presenza dos tres fulións do municipio e con outros de zonas limítrofes. Despois, terá lugar un xantar popular no pavillón.

 

 

O Domingo Gordo, 11 de febreiro, será o día grande no caso de Viana do Bolo (cuxo programa se encetará mañá coa colga do Lardeiro  e incluirá outras manifestacións destacadas como as comparsas ou as fariñadas), cun desfile de fulións e carrozas, que sairá do Toural arredor das 11:30h. e concluirá na praza Maior. Despois desenvolverase, tanto no pavillón como nunha carpa, a Festa da Androlla cuxa entrada será de 30 euros. Espérase xuntar a máis de 3.000 persoas arredor da mesa.

Finalmente, a data central do Entroido de Vilariño de Conso será o Sábado de Entroido, 10 de febreiro, cun desfile de fulións a partir das 11h. e , xa ao mediodía, coa Festa do Cabrito cuxa entrada terá un prezo de 25 euros.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o representante da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices, xefe territorial de Turismo en Ourense, quen destacou o carácter tradicional destes tres Entroidos e tamén o feito de ser un reclamo turístico, xa que contan coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button