PolíticaÚltima hora

En Marea preguntará no Congreso sobre o AVE, a Praza de Abastos de Ourense e o Arqueolóxico

Os deputados no congreso da formación Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Antón Gómez mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo cos edís de Ourense en Común  
A xuntanza realizouse no Espazo en Común, na avenida das Burgas.

Os deputados do Congreso, Yolanda Díaz, Alexandra Fernández e Antón Gómez Reino, mantiveron hoxe, 9 de outubro, unha xuntanza de traballo cos tres edís de Ourense en Común, na que abordaron cuestións referidas ás necesidades da sociedade ourensá como o Museo Arqueolóxico, a Praza de Abastos ou a variante exterior vencellada á chegada do AVE.

Con esta visita á cidade das Burgas, En Marea continúa a súa xira coa que os deputados no Congreso están percorrendo o país: “queremos recoller de primeira man as aportacións que nos fagan os compañeiros de Ourense en Común e trasladar ás Cortes os problemas da cidadanía ourensá”, explicou Yolanda Díaz, que lembrou que nos últimos orzamentos do Estado, En Marea presentou máis de 300 emendas para todo o país.

A voceira de En Marea, Xunto con Martiño Xosé Vázquez, voceiro de OUeC no Concello de Ourense, declararon que “nesta mesa de traballo reivindicamos a apertura do Museo Arqueolóxico provincial que agora queda na man do Ministerio para acometer as obras”.

Vázquez Mato cualificou como “fundamental” a actuación en materia de integración da Alta Velocidade en Ourense, e criticou que “cando o ministro se refería a que a variante exterior supoñía un aforro de cinco minutos para Madrid, deixaba claro que non lle importaba o impacto no noso concello”. O edil explicaba que “para Ourense supón saturar unha ferida, é necesaria esa variante”, explicou, e apelou tamén ao “sentidiño” en referencia á Intermodal, para que “se faga unha estación útil e efectiva para os ourensáns”.

Sobre esta cuestión, apuntan dende o partido, En Marea leva rexistradas varias iniciativas parlamentarias de control e seguimento ao Ministerio de Fomento, “que en ningún momento concreta prazos nin horizontes sobre a variante”, aseguran, o que fai temer “que a insistencia na solución temporal se acacabe convertendo na solución definitiva, algo que sería unha moi mala noticia para Ourense”.

Ademais, os deputados e concelleiros falaron de cuestións que atinxe á rehabilitación da Praza de Abastos, xa que “no último pleno quedou demostrado que aínda non existe a prórroga e que o concello vai ter que afrontar a obra ao 100% se non se consegue”, polo que será unha das preguntas de En Marea no Congreso, “ante a falta de información por parte do alcalde de Ourense”, dixeron.

Artigos relacionados

Back to top button