Eleccións Xerais 2023EntrevistasPolíticaÚltima hora

Alfredo García: “Vou ser a voz de Valdeorras no Congreso e ante o partido”

O alcalde do Barco é o número 3 da lista ao Congreso por Ourense do PSOE nas eleccións do 23X

Alfredo García vai no posto número 3 ao Congreso do partido socialista pola provincia de Ourense.

 

Tanto na lista ao Senado como ao Congreso pola provincia de Ourense, o partido socialista conta con representación valdeorresa. Algo que pon en valor o alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, número 3 da lista do PSOE ao Congreso, que tamén destaca o labor feito polo Goberno de Pedro Sánchez con relación á comarca citando cuestións como a estrada de circunvalación, “cuxo proxecto levaba 3 anos feito sen que se movera. Chegou Pedro Sánchez, o proxecto sacouse a concurso e aí se están executando as obras. Hhoubo problemas, como en todas as grandes obras, pero estanse executando e téñense suplementado 7 millóns máis de euros para que non haxa problemas de financiamento na obra. Polo tanto ese sería o primeiro gran paso”.

Con relación á A-76, sinala que “o goberno do PP non deixou ningún proxecto terminado”, e sobre o ferrocarril menciona obras de mellora no treito Ourense-Monforte e tamén “estudos estudos e proxectos, que xa están adxudicados, para o tramo Monforte límite Covas e Covas en dirección a Astorga”, entre outras. Ademais resalta os proxectos impulsado ou previstos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Valdeorras e a relevancia da posta en funcionamento no Barco da Unidade de Documentación da Policía Nacional, “este proxecto xa se tiña intentado nas anteriores, pero só saíu cando había un goberno sensible a todas estas cousas”. Neste senso Alfredo García, pídelle aos cidadáns que reflexionen sobre iso á hora de emitir o seu voto o vindeiro 23 de xullo.

 

 

 

– Por vez primeira forma parte dunha candidatura nunhas eleccións xerais…

Si, é a primeira vez que vou nunha candidatura máis alá das municipais, nunca formei parte de listas nin ao Parlamento galego, nin ao Congreso, nin ao Senado. Neste caso tampouco era a miña intención, pero empeñáronse en que tiña que ir. Ben, a condición era ir en postos de non saída, o cal non quita que o meu compromiso sexa o mesmo, eu vou ser a voz de Valdeorras no Congreso e, polo tanto, ante o partido, e levarei a Madrid todas as necesidades que teña esta comarca, independentemente de que sexa ou non sexa deputado. E o que teñen que ter claro os cidadáns é sempre estarei do lado de Valdeorras e do Barco, sen lugar a dúbidas.

– ¿Como valora o que está sendo a campaña electoral?

Son unhas eleccións moi complexas, primeiro porque é verán e resulta complicado con este calor saír á rúa e facer campaña. Fóra das municipais, onde si tes ese contacto directo coa xente, todas as demais eleccións cada vez son máis de redes, de televisión, de medios de comunicación, máis que de traballo en rúa, estase indo por aí. E digo que son complexas porque a presion mediática que hai sobre estas eleccións é tan grande que non se lle está permitindo á xente que analice sosegadamente o que fixo este goberno de Pedro Sánchez e o que non fixo, e estámonos centrando exclusivamente en cousas que realmente aos cidadáns non lles interesan ou lles interesan pouco.

Por exemplo, cando se aprobou a reforma laboral, que votou a favor Bildu, á xente o que lle interesa é a reforma laboral e os beneficios que supón, non quen votou no Parlamento. E cando se aprobou a suba do salario mínimo, tres cuartos do mesmo, ou a suba das pensións, entón, que máis dá quen votara, e sen embargo non estamos debatendo as bondades da suba do salario mínimo, nin das pensións, paréceme kafkiano o que está pasando neste país.

Este Goberno tivo unha pandemia que non existiu antes no mundo, unha suba de prezos pola alza do petróleo e do gas escandalosa, estamos nunha guerra, que tamén provocou estas situacións e inflación nos alimentos e no resto de produtos pola crise do trigo de Ucraína…, é dicir, todo iso deberían ser argumentos suficientes para que calquera goberno, o que fora, despois de todas estas crises saira refrendado polos cidadáns, só por aguantar. Pero é que non aguantamos, fixémolo ben, os números están aí, somos dalgún xeito un exmplo agora mesmo en Europa: inflación, crecemento, número de postos de traballo… Despois de todo o que pasou, non se deixou a ninguén polo camiño.

Na crise financeira, cando gobernaba Rajoy a xente perdeu o traballo, foise á rúa e quedou sen nada, agora non se quedou sen nada ninguén, os ERTEs puxeron diñeiro enriba da mesa para que os cidadáns puideran seguir cobrando mentres non podían ir traballar, todos os autónomos recibiron diñeiro para manter os seus postos de traballo e negocios mentres durou a crise, e iso parece que non conta, iso non se debate. E dende aquí quero pedirlle á xente que reflexione sobre todas estas cousas.

 

 

– ¿Que aspectos destacaría do programa socialista que afecten á provincia de Ourense, ao rural?

Eu creo que ao tema do rural hai que darlle unha volta, moito máis alá das promesas electorais. O do rural é unha cuestión moito máis complexo e non só lle afecta ao Goberno central, senón que tamén lle afecta á Xunta de Galicia, ¿que se fixo polo rural realmente máis aló de dicir este diñeiro vai para o rural? Non, hai que facer un plan serio, se queremos que no rural haxa xente hai que xerar postos de traballo, hai que primar a instalación das empresas no interior de Galicia, se queremos que a xente viva. E hai que primar o monte, o territorio, todo o que se ve que está improdutivo hai que facelo produtivo, e se non o facemos produtivo, seguirá sendo pasto de lumes e a xente seguirase marchando.

Este é un tema a longo prazo pero deberíamos empezar a sentarnos todos con desexo de chegar a acordos para ofrecer solucións que poidan ser medianamente efectivas.

– ¿Que obxectivos se marca o PSOE na provincia en canto a resultados?

Penso que manter os dous deputados actuais sería un moi bo resultado nestes momentos, polo tanto eu creo que na provincia de Ourense ese sería o obxectivo para o partido socialista, imos ver se somos capaces de conseguilo.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button