PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) leva ao Parlamento galego a situación dos gardas de seguridade do HPV

Pedíalle á Xunta que asuma o importe que se lles debe dos seus salarios e que se faga cargo directamente do servizo

Publicidade
A deputada do BNG, María Albert, no Parlamento galego./ Cedida.

 

O grupo do BNG no Parlamento de Galicia pedía onte á Xunta na Cámara galega que actuase “para garantir o cobro dos seus salarios ás e aos traballadores do servizo de seguridade dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín”. A través dunha pregunta parlamentaria (rexistrada hai 45 días, cando a empresa Mersant Seguridade debía unha mensualidade ao cadro de persoal de ámbolos dous centros hospitalarios), a deputada valdeorresa María Albert sinalaba que, “a día de hoxe, xa son tres as mensualidades debidas”, o que cualificou de “insustentábel para calquera familia traballadora nunha situación normal, pero que co contexto de inflación e suba de prezos xeneralizada como a que estamos a vivir vólvese dramática”.

Albert criticou ao Goberno do PP que en todo este tempo non fixera “nada” ao respecto, “desentendéndose do problema e dando longas ao persoal do servizo emprazándoo a que emprenda futuras reclamacións xudiciais” e advertiu de que “chove sobre mollado nesta problemática en Valdeorras e Verín”.

Neste sentido, recordou que o anterior contrato de seguridade xa tivo que ser xudicializado polos traballadores tras cinco meses sen cobrar. “Estamos a falar de febreiro de 2021 e vostedes non comezaron a aboar o que mandaba a sentenza ata novembro: nove meses agardando a que vostedes pagasen!”, indicou, para engadir a continuación que, ademais, “o Servizo Galego de Saúde só abonou dous terzos do montante total da débeda e que tivo que recibir un requirimento do xuíz para que pagasen o 100% da mesma que, por certo, aínda non recibiron os traballadores”.

Logo de recalcar que son 10 familias as afectadas, a deputada nacionalista asegurou que o mínimo que se lle pode pedir ao Servizo Galego de Saúde “é que contrate con empresas solventes que xestionen de xeito eficiente os servizos que se lles encargan”.

Neste senso, e despois de reclamar á Xunta que se faga cargo do diñeiro que se lle debe aos traballadores, Albert recordou que Mersant leva na lista de empresas morosas de Facenda dende agosto de 2021 e que xa foi sancionada por falta moi grave en decembro pasado por retrasos no pagamento. E pediulle á Xunta que se faga cargo directamente deste servizo.

Artigos relacionados

Back to top button