CarballedaConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

María Carmen González, reelixida alcaldesa de Carballeda de Valdeorras

 

No mediodía deste venres 7 de xullo vén de constituírse a nova Corporación municipal de Carballeda de Valdeorras para a lexislatura 2023/2027, formada por 8 concelleiros do PP e 1 de Carballeda Renova. Esta constitución adiábase debido a unha denuncia presentada por Carballeda Renova, que non prosperaba.

Durante a sesión plenaria, tomaban posesión dos cargos os concelleiros e despois procedíase á elección de rexedor. A votación era secreta e en urna, un acordo que se tomaba por unanimidade. Nela resultaba reelixida como alcaldesa María Carmen González Quintela, cos 8 votos do PP.

Tras tomar xurar o cargo, a rexedora aseguraba que “só prometo unha cousa, e rememorando a aquel estadista que propiciou a concordia neste país, o presidente Suárez, podo prometer e prometo traballo, traballo e traballo, e ao igual que o meu equipo de goberno, ilusión e non cansarnos nunca de axudar aos veciños de Carballeda, imos facer unha comunión entre os veciños e o Concello de portas abertas mentras esta corporación estea aquí e poida axudar”.

 

 

A alcaldesa daba as grazas á veciñanza “por estar aquí, o salón é pequeno e representades a moitísimos máis que quixeran estar. E neste momento, eu recordo tamén a aqueles que xa non poderán estar nunca e que nos acompañaron moitísimos anos e que superamos moitos atrancos, pero tamén logramos ao final ser un equipo. Refírome a corporacións pasadas nas que houbo ánimo de concordia, porque diso se trata na vida pública e na elección como concelleiros e alcaldesa, propiciar a convivencia cidadá, saber discrepar con educación, con elegancia, con tolerancia”.

Con respecto ás liñas desta novo mandato municipal que agora comeza, González Quintela adiantaba “10 puntos que para nós van ser absolutamente obxectivo: seguiremos traballando e apostando polo medio rural, seguiremos as boas instalacións recreativas e deportivas das que dispoñemos, e tamén seguiremos traballando na recuperación do noso patrimonio cultural, recuperando os espazos naturais do municipio, continuaremos mellorando o servizo de axuda ao fogar, colaboraremos a nivel municipal, lembrando que as nosas competencias teñen que ser todas as que precisen os nosos veciños, nos servizos sanitarios e educativos. Dotaremos de novas instalacións para a promoción do turismo e trataremos de impulsar o nacemento do turismo industrial como parte única e que nos diferenza na comarca de Valdeorras. Colaboración municipal no desenvolvemento económico e industrial do concello. Seguiremos potenciando todas as iniciativas sociais. Este será o noso libro de cabeceira nos próximos catro anos e isto é o que, ídesme permitir, que vos impoña como deber a todos vós”.

 

 

Ademais lembraba que Carballeda forma parte da comarca de Valdeorras, na que “tamén propiciamos traballo e progreso”. María Carmen González, que leva na alcaldía dende 1991, pechaba esta sesión cun “viva a Galicia, viva Valdeorras, viva España e viva Carballeda”.

Entre os asistentes ao acto estaban, ademais de numerosos veciños, o concelleiro do PP do Barco Manuel Núñez e o edil popular de Rubiá Ignacio Doce.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button