CarballedaConcellosÚltima hora

A Ponte Nova de Sobradelo, un monumento con case 4 séculos que recupera o seu esplendor

Esta infraestrutura, datada en torno a 1650, vén de ser restaurada e posta en valor cunha iluminación especial nun proxecto promovido polo Concello de Carballeda co apoio da Consellería de Cultura

 

A Ponte Nova de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) estrea esta tarde a súa nova iluminación, logo de varios ensaios e axustes de días anteriores para lograr o mellor resultado. Con ela preténdese realzar as singularidades deste monumento do século XVII, logo dos labores de rehabilitación realizados nos últimos meses co obxectivo de poñer en valor este ben e de asegurar a súa conservación. “Era unha sumamente importante obra, na que levabamos pensando moito tempo e que foi posible grazas ao apoio e colaboración da Consellería de Cultura e, en concreto, do conselleiro Román Rodríguez, ao que lle estamos moi agradecidos”, explica a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, quen matiza que a intervención fíxose seguindo os criterios técnicos establecidos por Patrimonio, xa que a ponte é un ben catologado.

A actuación saía á licitación cun orzamento duns 238.309 euros (cunha baixa sobre o inicial que era de 299.754,53 euros) que incluía a limpeza da ponte (de elementos vexetais, depósitos, etc.), así como a restauración en zonas puntuais con selado de ocos existentes e de fendas con morteiro de cal. Ademais, pretendíase reemprazar en parte, nos laterais, o pavimento de aglomerado asfaltático existente por outro máis acorde coa onte (adoquín de pedra colocado sobre area), xa que no seu momento, antigamente, xa tivo un pavimento de pedra. Ademais, na calzada fresábase o aglomerado existente e colocábase unha nova capa de aglomerado en quente, recuperando ademais as saídas de auga que tiña a calzada nos laterais e que estaban tapadas.

Outro dos elementos do proxecto era unha iluminación especial (toda LED, con baixo consumo e alta eficiencia enerxética) e ao longo do ano, co fin de darlle a merecida vistosidade e presenza  este monumento. Neste senso, instalouse iluminación exterior, tanto nos parámentos exteriores como nos arcos e na calzada superior, e iluminación lineal en cada unha das caras exteriores da ponte, na liña de nivel da calzada. Ademais hai iluminación nos seus arcos, na liña cenral, baixo a clave, con dúas luminarias lineais que bañan os laterais dos arcos e o comezo das pilastras. Tamén se dotou á calzada superior dunha luz lineal nun dos lateriais e focos puntuais soterrados nos saíntes dos cubos.

Con esta actuación buscábase manter a esencia da ponte e destacar as súas características, e iso “evitando alterar o menos posible, aínda que loxicamente esa iluminación ten que ir suxeita á pedra, pero tocándolle o mínimo e sempre supeditándonos aos criterios especificados por Patrimonio”, resalta a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, que amosa a súa ilusión por ver culminado este proxecto de recuperación da ponte, que considera un elemento patrimonial de referencia deste municipio, pero tamén de toda a comarca.

 

 

Unha ponte do século XVII

As primeiras referenciais documentais que se teñen da Ponte Nova de Sobradelo sitúanse en xaneiro de 1650, ano no que se data a súa traza, alzado e condicións técnicas que debían rexer a súa construción, por parte do arquitecto Juan Bautista Velasco. Segundo a información manexada polos técnicos que redactaron o proxecto de restauración, “todo parece indicar que as obras de construción da Ponte Nova iniciáronse pouco despois do 13 de marzo de 1665 e duraron ata 1675, no que o construtor Lucas del Higar ganou provisión real para que se visen e recoñecesen as pontes de Puente de Domingo Flórez e a Pontenova, recoñecemento que en 1676 efectuaron dous mestres canteiros, nomeados por Mauro Pérez Salnés, correxidor de Ponferrada”. Esta infraestrura adquiría gran relevancia e en torno a ela xurdía un novo poboado, que recibía nove de Puente Nueba.

 

Fonte: informe técnico do proxecto de restauración da Ponte Nova.

 

Pero un dos feitos históricos polos que é especialmente coñecida esta ponte ten lugar na Guerra da Independencia, a primeiros do século XIX. Ante a entrada dos franceses en 1809 en Sobradelo destruíase o arco principal para evitar o paso das tropas galas. A súa reconstrución tardaría en chegar, materializándose entre finais do século XIX e principios do século XX.

“Tras a reedificación do arco maior a finais do s. XIX, poucas son as actuacións levadas a cabo para reparar os destrozos producidos polos temporais, avenidas do río e o simple decurso do tempo na ponte máis monumental de todo o curso do Sil”, aseguran os técnicos no proxecto de restauración.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button