ConcellosO BarcoÚltima hora

O enduro regresa ao Barco cunha proba da Liga Galega da Moto de Campo

Será na fin de semana do 4 e 5 de maio como unha das novidades da programación deportiva deste 2024 no concello do Barco de Valdeorras

 

Atletismo, motor, fútbol sala, piragüismo, petanca, balolncesto,… Cada vez máis disciplinas e cada vez máis probas. Máis completa que nunca se presenta a programación deportiva no concello do Barco de Valdeorras para este 2024 que na mañá deste mércores 17 de abril daba a coñecer o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, tanto a municipal promovida dende o Concello como a dos clubs.

 

 

Moitas das actividades levan xa unha traxectoria de moitos anos con edicións avanzadas pero tamén hai algunha novidade como a do “Enduro O Barco de Valdeorras-Trofeo Café Caldelas” que se celebrará na fin de semana do 4 e 5 de maio. “Levabamos moitos anos sen unha actividade de motos e este ano déronse as circunstancias polo que teremos unha proba da Liga Galega da Moto de Campo que promete porque adoita traer moita xente, nalgúns casos máis dun cento de participantes co cal vai ser un espectáculo bastante bonito e sobre todo demandado polos afeccionados”, dixo Tino.

 

 

No mes de xuño, destaca a andaina do San Xoán que este ano será en Éntoma “aproveitando as festas e agardando que teña o mesmo  éxito que cando se celebraba no Barco, seguida coma sempre da pancetada coa que se agasalla aos participantes e festa rachada”, explicou Tino, destacando tamén outras actividades como os diferentes torneos de petanca que o club organiza ao longo do ano comezando polo das Festas de Santa Rita.

 

 

Con respecto aos datos de actividade continuada durante o ano, en deporte base o concello ten 736 nenos en clubs, 80 en ximnasia rítmica e uns 100 en zumba, é dicir máis de 900 nenos e nenas “facendo deporte todas as semanas”, di Tino, engadindo que en deporte de adultos hai preto de 800 persoas nas escolas deportivas municipais (zumba, baile, pilates,…). Sobre 1.700 persoas, ás que hai que sumar os 992 abonados na piscina climatizada, chegando aos 2.600 persoas, “o 20% da poboación que fai deporte en instalacións municipais, patrocinado polo concello un número altísimo”, destaca o alcalde do Barco, Alfredo García, presente tamén na presentación.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button