CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Mariana”, retrato feminino de liberdade e loita encarnado por Lucía Álvarez, en Trives

Este monólogo representábase no Auditorio Julio Vázquez da vila o 18 de agosto e poderá verse de novo neste luns ás 20:30h.

Amor, liberdade, soidade, ideais e loita dende a cadea, á espera dunha morte inminente. A de Mariana Pineda é a voz dunha muller do século XIX cuxos anceios, soños e esperanzas de cambio continúan sendo moi, moi actuais. A figura desta heroína liberal granadina (1804-1831), axustizada por bordar unha bandeira e negarse a revelar os nomes dos seus cómplices (entre eles o seu namorado), cobra vida sobre o escenario en “Mariana” da man da actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río).

Máis aló do mito, esta obra (con texto de José Ramón Fernández e dirección de David Ojeda) recupera a voz da Mariana muller, de carne e oso, presa nunha cela xunto á súa bandeira. Achega os seus sentimentos, esperanzas, temores, expectativas, desexos, recordos e esperanzas. Neste monólogo, no que aparecen tres figuras masculinas (entre elas a do seu namorado e a do seu carceleiro, interpretadas por Marcos Pereira), esta muller loitadora fai un percorrido pola súa vida mentres agarda o momento da súa morte, da escuridade. “Deixareime matar para ser libre”, chega a dicir.

 

A actriz Lucía Álvarez, no seu papel de “Mariana”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Mariana”, cunha hora de duración, representábase na tarde do 18 de agosto no Auditorio Julio Vázquez de Trives e poderá verse novamente na tarde deste luns día 19 a partires das 20:30h. O texto da obra cativou a Lucía Álvarez dende o principio, quen recoñece que lle custou abordar o personaxe, pero que estaba convencida que de “non podía non facelo”.  “A de Mariana é a nosa historia, a historia das mulleres ao longo do tempo. Descubrín que ela habitaba en min moito antes de eu sabelo, hai algo dela que estaba aquí e que saiu agora… Creo que habita un pouco en todas nós”, destaca.

 

Lucía Álvarez, sobre o escenario, despois da función en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A xénese do proxecto

“Mariana” é un proxecto de Palmyra Teatro e estreábase o pasado mes de marzo na cidade de Ourense. “A proposta naceu porque José Ramón Fernández tivo a xentileza e a arte de ofrecerlle á miña compañía esta obra, que é un proxecto inclusivo, xa que dende Palmyra tamén buscamos a accesibilidade dos espectáculos para persoas con discapacidade sensorial e cognitiva sempre que as condicións do espazo así o permitan. Hai un ano e medio José Ramón chamoume para dicirme que había un texto seu, un monólogo, que unha actriz quería facer e para propoñerme que o dirixira, e eu, encantado, dixen que si”, lembra o director de “Mariana”, David Ojeda.

Nese momento, Ojeda non coñecía “nin persoal, nin profesionalmente a Lucía Álvarez, e o primeiro día que nos reunimos comezamos a falar das intuicións, das perspectivas, e o que máis me convenceu foi a súa vehemencia de quero facer este texto. Cando un actor ou unha actriz che di isto é que a colcha está tendida, ou sexa, hai que empezar a traballar. Busque algo que puidera darlle ao espectáculo algún matiz posto que o texto xa estaba estreado hai 25 anos e había que actualizalo. Eu vía un mundo onde a muller e a diversidade tiñan que entrar e a partir de aí comezamos a traballar moi lentamente. Creo que o proceso que levamos a cabo con Lucía era o convinte para un texto deste calibre, ao entender que o texto tiña que nacer na fala escénica, no proceso de maduración e que pasara o tempo polo texto, pola persoa que o interpretaba e polos artistas que interviñan. A partir de aí houbo como unha conveniencia, tiña que ter unha voz, un corpo e unha música e iso foi o que tracei, neste último caso, con Carlos Ramos”.

 

O director de “Mariana”, David Ojeda, cos actores Lucía Álvarez e Marcos Pereira./ Foto: Carlos G. Hervella.

O director de Mariana entende esta peza teatral como “unha pequena obra de Wagner, como unha ópera onde está o movemento, a voz e a música nun concepto dunha aposta simbolista e, logo, remarcando moito a actualidade do texto, o concepto de muller: a muller no olvido, a muller desprezada, non tida en conta e a muller que está, sen embargo, facendo un acto de vida, de combate, de cambio social e que, por contra, non foi tida en escoita”.

Foi nese marco onde David Ojeda introduciu os personaxes interpretados por Marcos Pereira, un actor xordo. “Non foi por evidenciar a xordeira, senón por introducir a fala da dramaturxia da xordeira nun espectáculo, amosar que aínda que o ser humano oia pode ser xordo, quería xogar con ese concepto da xordeira na posta en escena. Penso que resultou fantástico e que se conviu realmente un espectáculo de carácter poético, dramático e tráxico, onde a danza, a letra, a poesía da actriz, o texto e a música se combinasen a nivel wagneriano. Hai un nexo do movemento e da poética, dos tres símbolos do home herdados de moitas construcións sobre Mariana: o home torturador, o home amante e o home persecutor, neste caso”.

 

Outra das escenas da obra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha función inclusiva

Eses personaxes masculinos da obra están interpretados por Marcos Pereira, que se estreaba como actor profesional. “Foi grazas a David”, conta. “Este tipo de obras inclusivas”, prosegue, “creo que son bastante necesarias, tanto para o público xordo como cego, no sentido de dar a coñecer e poder facer que tamén se sintan integrados. Como actor, os tres personaxes que fago caracterízanse porque en ningún momento escoitan a Mariana e que sexan interpretados por un actor xordo reforza os seus matices”.

 

O actor Marcos Pereira./ Foto: Carlos G. Hervella.

Este espectáculo está coproducido por Palmyra Teatro e Fundación Signe coa colaboración en materia de accesilibidade de CESyA (Centro Español del Subtitulado y la Audiodescripción) y Plena Inclusión Madrid. “Mariana” poderá  verse novamente en Trives nesta tarde de 19 agosto. Entre os asistentes da primeira función estaban familiares e amigos de Lucía Álvarez, que a saudaban e felicitaban ao final da función.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button