CulturaCulturaÚltima hora

Maridaxe entre viños valdeorreses e versos de Florencio Delgado, na Coruña

Valdeorras Infinda promovía o 19 de marzo unha conferencia e cata comentada polo director técnico da D.O. Valdeorras, na que Paco Campos poñía voz á poesía do autor corgomés

 

A cultura do viño valdeorresa convertíase en protagonista nun acto celebrado na pasada fin de semana na Coruña. Esta actividade formaba parte do “II Ciclo de Encontros sobre Valdeorras” organizados polo colectivo Valdeorras Infinda na cidade herculina, comezaba o 19 de marzo ás 12h. do mediodía cunha conferencia sobre viño e viticultura da man do director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Jorge Mazaira, na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Nesta intervención abordaba o pasado, presente e potencial de futuro dos viños valdeorreses.

Despois, os participantes nesta actividade trasladábanse ao mercado de San Agustín, onde se desenvolvía unha cata comentada de doce viños valdeorreses. “Foi unha ocasión única para coñecer a historia da recuperación da godello, unha variedade branca que está facendo historia nos recoñecementos internacionais. Tamén probamos as novas tendencias na elaboración de tintos analizando como a gran diversidade xeolóxica e o particular clima de Valdeorras se expresan nos seus viños”, destacan dende a organización.

No acto non faltaban ás alusións ao poeta do viño valdeorrés por excelencia, Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano se lle adicarán as Letras Galegas. Non faltou tampouco un recitado dos seus versos a cargo do actor valdeorrés Paco Campos.

A cata facíase n’A Parva, a cantina do mercado, que serviu uns aperitivos ao finalizar. O aforo da cata estaba limitado a 24 persoas e o custe por participar era de 10€ que se abonaron antes do inicio.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button