EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Maridaxes e un túnel do viño cunhas 70 referencias da D.O. Valdeorras, en Viloira (O Barco)

Será na fin de semana do 10 e 11 de xullo e o programa de actos incluirá un concerto do grupo Broken Peach

Publicidade
O presidente do CRDO Valdeorras, intervindo na rolda de prensa na que estivo acompañado polo alcalde do Barco e polo concelleiro de Turismo./ Foto: A.R.

 

A praza de Viloira (O Barco) acollerá na fin de semana do 10 e 11 de xullo un abano de actos que xiran ao redor do mundo vitivinícola e cos que pretende substituírse, de forma segura, a celebración da tradicional Feira do Viño de Valdeorras. Así o anunciaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, no acto de presentación do programa, que tiña lugar esta mañá de xoves no Concello do Barco e que no estaba acompañado polo alcalde, Alfredo García, e polo concelleiro de Consumo, Promoción Económica e Turismo, Eladio Santos.

“Cambiamos o formato da feira por motivos de sobra coñecidos. Consideramos que aínda non se dan os requisitos sanitarios suficientes para que ésta poida celebrarse con seguridade, malia ao avanzado do ritmo de vaciación entre moitas franxas de idade”, explicaba García Pando, antes de detallar as propostas alternativas á mostra.

O seu acto central será un Túnel do Viño da D.O. Valdeorras que se desenvolverá nun recinto instalado na praza Ramón Otero Pedrayo de Viloira. Terá aforo limitado a 150 persoas e o seu horario irá das 12h. ás 14h. e das 19h. ás 22h. os días 10 e 11 de xullo. Neste túnel, onde o tempo máximo de percorrido será de 45 minutos, poderán catarse arredor de 70 viños distintos de 22 adegas de Valdeorras. Entre elas estarán as que participen na Cata Oficial da Denominación de Orixe, que terá lugar o 9 de xullo e cuxos premios se farán públicos esa mesma noite.

O prezo de entrada dunha sesión no túnel será de 7 euros (incluído un cataviños), pero se se collen dúas sesións (que poden facerse en diferentes días) o importe será de 10 euros. As entradas poderán adquirirse nun zona independente ao evento.

A carpa terá acceso controlado e estará ventilada polos catro lados dende o metro e medio de altura ata o teito. “Todo o mundo deberá empregar a máscara dentro dela e só de quitarse para consumir. Xunto a isto, dentro do protolo anti-Covid, despregarase dispensación de xel hidroalcohólico en varios puntos”, indicaba o presidente.

 

Outra das imaxes da comparecencia./ Foto: A.R.

 

Outra novidosa proposta será a de catro catas- maridaxes que se desenvolverán nesa mesma fin de semana. O custo de cada unha delas será de 10 euros e para asistir será necesario inscribirse previamente no correo electronico consello@dovaldeorras.com . Haberá un límite de prazas por cada unha das catas.

Dúas delas estarán centradas na maridaxe entre froita e viño e serán guiadas polo director técnico do CRDO Valdeorras, Jorge Mazaira. O seu título será “Aromas e sabores. Froita e viño, mundos paralelos” e desenvolverase o sábado e o domingo pola mañá noutro recinto que se ubicará no Xardín da Casa Grande de Viloira.

E, polas tardes, tanto o sábado como o domingo, poderá asistirse a outra maridaxe, neste caso de viños de Valdeorras e queixos, que correrá a cargo da directora técnica do CRDO Queixo de Tetilla, Marisé Mosteiro.

 

O grupo Broken Peach./ Imaxe promocional da banda.

 

Tamén no marco deste programa tamén se incluirá un concerto gratuíto, promovido polo Concello do Barco, que terá lugar o sábado ás 22h. a cargo do grupo vigués Broken Beach. “É unha banda moi coñecida, con repertorio propio e tamén con versión e cunha posta en escena espectacular. A aforo será limitado, será un concerto no que se respectarán as medidas de seguridade anti-Covid”, tal e como anunciaba o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos.

XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras

Este conxunto de actos terá como preludio a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, que terá lugar o día 9 de xullo (cunha precata e unha cata final na que se decidirán os viños ganadores). Ata o de agora hai 19 adegas inscritas e 50 referencias. O acto de entrega dos premios terá lugar no Pazo do Castro (O Barco) na noite do venres 9 de xullo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button