Dende hoxe, 21 de maio, todo aquel que o desexe (previa cita chamando ao Concello de O Bolo), poderá visitar o Museo YOSSO, o espazo expositivo que acolle a obra (ou parte dela) do artista natural de Valbuxán.
A inauguración do local, sito nas instalacións do colexio de O Bolo, tiña lugar esta mañá, contando coa asistencia de boa parte da súa familia. Os seus irmáns Nicanor, Vicente e Marina (Carmen non pudo ir), as súas cuñadas Maximina e Marisa, e varios sobriños.

José Porto non estaba casado nin tiña fillos pero a súa familia sempre estivo moi presente na súa obra sendo, xunto ao seu benquerido Valbuxán, a paisaxe e os lugares nos que viviu, fonte de inspiración. Mostra diso témola en varios dos cadros que hai no museo, nos que poden verse a varios deles: os seus pais José e Carmen traballando no campo, retratos das súas irmás, do seu sobriño Pepe,… Por iso non sorprendeu que fose precisamente a súa irmá Marina Porto, a encargada de falar en representación de todos eles. Fixo un discurso sinxelo pero con moito sentimento e cargado de agradecementos a todos os que fixeron realidade o museo. “Aínda non está acabada pero cando esté rematada, coa tecnoloxía que hai hoxe e e mans expertas, pode chegar a ser unha referencia mundial”, dixo.

Nun día tan desexado e esperado por todos, Marina tiña un recordo especial para “toda a xente que creu en YOSSO-Xosé de Valbuxán, e na súa arte”, lembrando sobre todo aos seus pais quenes “malia pensar del que era un fracasado por non ter coche, nin casa, nin fillos, caíanlle bágoas de orgullo cando escoitaban falar del”.
Marina non se esqueceu da xente do pobo e arredores que lle preguntaban “polo Peiño, por como estaba e que facía”, nin do Concello de Vilariño de Conso e á súa alcaldesa Melisa Macía por ofrecerlles un lugar onde gardar os cadros cando tivo que operarse do corazón. “Moitas grazas sobre todo ao Concello de O Bolo por facer realidade este museo e a todos os que o coidaron os últimos anos, aos meus sobriños, sobre todo a Manolita que tanto se desviviu por el chegando a chorar moitas veces vendo como fracasaban día tras día os seus intentos por animalo a vivir, a pintar”, dixo emocionada.

Botando man dalgún verso asegurou que o seu irmán “adicou a vida á escritura e á pintura e cando o seu corpo mortal empezou a deteriorarse, ao ver que xa non podería facer esas liñas de bolígrafo ou lápis tan limpas e perfectas, nin esas pinceladas minúsculas e luminosas que axudaban a dar perspectiva aos seus cadros, non quixo pintar nin escribir máis poesía porque dicía que xa non podería mellorar o que fixera”, contou Marina asegurando que “terminou en Valbuxán porque estivera onde estivera o seu pensamento e corazón estaban aquí”.
Igual que o alcalde de O Bolo, Marina espera que un día lle adiquen o Día das Letras Galegas ao seu irmán. “Celso Emilio Ferreiro, despois de reler o Himno al roble díxolle que el daría toda a súa obra por ser o autor dese poema. Creo que tanto el como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou mesmo Castelao estarían dacordo”, concluía.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.